domingo. 28.04.2024

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo Jordán, dentro da rolda de contactos que a Xunta está a manter para avanzar no Pacto de Estado para esta comarca.

Entre os asuntos tratados, Conde agradeceu que o porto de Ferrol se sume á proposta de crear unha Zona Franca, logo da boa acollida que esta iniciativa tivo a pasada semana entre os concellos e os axentes socieconómicos da zona. Así, só se precisaría un si do Goberno para que a Zona Franca de Ferrol sexa unha realidade o máis axiña posible.

Tal e como destacou o vicepresidente económico, trátase dunha iniciativa clave para a recuperación económica e social da comarca polo seu potencial para atraer investimentos e para xerar novas oportunidades no eido empresarial e laboral. Ademais, reforzaría a posición de Ferrol na Rede Transeuropea de Transportes e, polo tanto, o desenvolvemento económico da comarca.

Na xuntanza tamén se avaliaron outras medidas recollidas no documento base do Pacto de Estado por Ferrol, nas que o porto ten un importante papel, como o impulso dunha plataforma intermodal no porto exterior, potenciar a terminal de contedores ou a modernización de infraestruturas e servizos; así como avanzar no desenvolvemento dunha eólica mariña respectuosa co sector marítimo-pesqueiro e diferentes accións no eido naval.

Ao longo do encontro tamén se abordaron temas de interese para Xunta e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, como a necesidade de atopar puntos de encontro para traballar en proxectos que poidan optar aos fondos europeos Next Generation; así como a situación de Navantia e do sector naval, aspecto no que coincidiron na necesidade do impulso ao dique cuberto para o desenvolvemento de novas oportunidades en Ferrol.

Proposta de crear unha Zona Franca