viernes. 26.04.2024

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe en rolda de prensa o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei da calidade alimentaria de Galicia coa pretensión de aprobala este mesmo ano.

Logo de explicar que esta norma virá a actualizar a Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega en vigor desde 2005, Feijóo salientou que o obxectivo é promover a calidade dos produtos alimentarios que se producen, transforman ou comercializan no noso territorio e buscar unha nova dimensión no mercado. Queremos achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto pasou rigorosos controis de calidade, abundou.

Nese sentido, destacou que para facelo optarase por diferenciarar a calidade alimentaria de Galicia e afondar na profesionalización dos consellos reguladores. En definitiva, Galicia converterase así na primeira Comunidade Autónoma que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta avanzou ademais algunhas das novidades que incorpora o texto, como a creación de dous órganos de consulta e participación do propio sector: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia. Tamén, engadiu, a aposta pola compra, a contratación pública verde de produtos alimentarios cun impacto ambiental reducido ou o establecemento dun sistema de certificación de sustentabilidade. E, por último, subliñou o reforzo dos controis e revisión do catálogo de infraccións e sancións.

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, incidiu en que a nova norma se adapta aos cambios experimentados na produción e na comercialización alimentaria, así como ao aumento das transaccións comerciais entre países, establecendo medidas que buscan incrementar o control e as garantías para conseguir consolidar os produtos galegos no mercado, ao tempo que se afonda no desenvolvemento local e na creación de emprego.

Canto ás medidas concretas, máis aló das sinaladas polo presidente, o conselleiro destacou que a futura lei incorporará unha regulación das marcas de garantía para a promoción sectorial e unha marca de garantía para a promoción da produción alimentaria de calidade de Galicia, nomeadamente a sección alimentaria de Galicia Calidade. Tamén criterios sociais e ambientais para a compra pública verde de produtos, que priorizarán os producidos por cooperativas agrarias ou por organizacións con maioría de mulleres ou de persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión, así como os de proximidade. Ao respecto das funcións de control, infraccións e sancións, adecuaranse á realidade actual, incorporando as novas tecnoloxías para garantir a máxima rigorosidade.

Anteproxecto de Lei da calidade alimentaria de Galicia