jueves. 25.04.2024

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o gran dinamismo que a economía social está a demostrar nos últimos anos en Galicia, comunidade pioneira á hora de lexislar no eido autonómico sobre a materia, e que xa lidera o crecemento en canto a número de cooperativas. A representante da Xunta participou hoxe en Madrid, xunto a homólogos doutras comunidades e representantes do Goberno central, no acto convocado polo 10º aniversario da lei estatal de economía social.

En Galicia están rexistradas neste momento máis de 7.000 entidades e empresas da economía social. En 2021, a pesares da situación pandémica, creáronse 174 novas iniciativas enmarcadas nesta fórmula de emprendemento. A conselleira remarcou que a economía social é unha forza chave no mercado laboral galego, onde representa o 7% do PIB e encaixa cos valores e principios que caracterizan aos galegos, polo seu carácter emprendedor e o xeito de se relacionar coa contorna.

Lorenzana lembrou que, se ben España foi o primeiro país en abordar unha lexislación específica en economía social hai dez anos, “Galicia foi a primeira e a única comunidade, ata o día de hoxe, en realizar á súa adaptación á normativa autonómica, incluíndo as particularidades do territorio e da economía galega”. Este feito permitiu, entre outras novidades, introducir a figura da cooperativa xuvenil para a poboación entre 16 e 29 anos.

Galicia vén mostrando un gran dinamismo na economía social, e xa é a comunidade con maior crecemento en canto ao número de novas cooperativas creadas. Entre 2007 e 2020, apuntou Lorenzana, o crecemento medio de Galicia foi do 9% fronte ao 1,5% estatal. O peso das iniciativas galegas no conxunto estatal pasou no mesmo período do 2,9% ao 7,3%. A xuízo da conselleira estes indicadores son consecuencia de que as políticas públicas están a funcionar, pero tamén a implicación dos axentes territoriais, nomeadamente o Foro Galego da Economía Social co que a Xunta de Galicia mantén “diálogo fluído”.

“Actualmente hai máis mulleres promotoras de novas cooperativas que homes”, quixo resaltar a conselleira de Emprego e Igualdade. Esta tendencia era un dos obxectivos apuntados pola 1ª Estratexia Galega da Economía Social 2019-2021 que no período saltou dun 37% das iniciativas femininas a case o 51%.

EXPECTATIVAS

A 1ª Estratexia mobilizou en tres anos máis de 89 millóns de euros, e conseguiu superar os obxectivos marcados: creáronse no período 150 entidades máis das estimadas, xeráronse 715 postos de traballo a maiores e se reduciu nun 60% -ata os 44 días- o tempo necesario para a constitución de novas iniciativas de economía social.

A Xunta xa está a traballar na nova Estratexia, que partirá dos acertos da anterior e seguirá a apoiar o crecemento da economía social na comunidade. Así, dará continuidade á Rede Eusumo, un instrumento de traballo colaborativo, que cumpre 10 anos este 2022, informando, formando, asesorando e acompañando ás entidades da economía social.

Lorenzana puxo ademais en valor, ante os homólogos doutras comunidades, os recentes programas Bono Consolida e ES-Transforma cos que a Xunta está a axudar a mellorar a xestión e modernización das entidades e a garantir a transformación de negocios tradicionais en fórmulas deste tipo para asegurar a súa continuidade e contribuír, de paso, ao relevo xeracional.

Por último convidou ás persoas participantes no acto a acudir este ano a Santiago de Compostela, recoñecida como capital da economía social 2022, coincidindo coa celebración do Xacobeo.

A creación de cooperativas aumenta do 9% en catorce anos fronte ao 1,5% da media estatal