jueves. 28.03.2024

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, instou hoxe ao Goberno central a adherirse ao Pacto de Estado por Ferrol e incidiu na necesidade de prorrogar os ERTE nos sectores máis afectados pola pandemia, “como mínimo” ata o 31 de decembro.

“Trasladeille á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, un exemplar do noso Pacto de Estado por Ferrol e que xa se remitiran a Moncloa co fin de establecer un interlocutor”, dixo, valorando o seu compromiso de avaliar o documento “e conseguir polo menos empezar a falar disto”.

Nesta liña, Feijóo insistiu na oportunidade histórica que suporía un PERTE do naval; “para modernizar as instalacións de Navantia a través dun dique seco e diminuír, polo tanto, os custos da construción das fragatas e calquera outra contratación internacional”, precisou, a modo de exemplo.

Durante a reunión con Yolanda Díaz, na que expuxo a situación de perigo na que se atopan 16.500 empregos do sector industrial galego, ambos avaliaron tamén outros asuntos importantes de cara a acadar unha economía máis forte despois da covid.

Así, no tocante ao reparto dos fondos de emprego asociados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, Feijóo valorou que se respecte o marco do sistema de financiamento, se ben aproveitou para demandar máis autonomía na xestión dos mesmos. Unha cuestión que será abordada proximamente nunha reunión entre a Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio.

“E tamén falamos dos proxectos sólidos, ordenados, contrastados e obxectivos que Galicia ten presentado aos fondos Next Generation. Uns proxectos construídos non desde a Administración, senón desde os sectores económicos e produtivos”, abundou, referíndose ás iniciativas presentadas no ámbito forestal, da automoción, agroalimentario, aeroespacial ou sanitario.

“Pedimos competir en función da calidade dos proxectos presentados e non en función da cor política dos gobernos autonómicos”, remarcou.

Por último, o responsable do Goberno galego e a vicepresidenta segunda analizaron o prezo da luz e, especialmente, o seu impacto na industria. “Sen un prezo competitivo non hai industria e sen industria non hai traballo”, sentenciou.

Os ERTE e o Pacto de Estado por Ferrol, temas de Feijóo con Díaz