jueves. 23.04.2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que o número de persoas en Galicia que len en galego de maneira habitual ou ocasional medrou case nove puntos ata acadar o 72% da poboación, é dicir, sete de cada dez galegos.

Así o sinalou no Pleno do Parlamento de Galicia, coincidindo coa véspera do Día do Libro, onde puxo en valor os datos do último Informe de hábitos lectores.

Segundo explicou, este incremento supón un aumento do 13% respecto ao ano anterior, o que confirma a consolidación dunha “Galicia lectora”. Neste sentido, destacou que o 96,5% da poboación maior de 14 anos le en calquera formato ou soporte, situando a comunidade 1,4 puntos por riba da media estatal. Ademais, subliñou que o 70% das lecturas corresponden a libros.


O sector do libro galego, en “bo momento”

López Campos asegurou que o sector editorial galego atravesa un “bo momento”, con datos históricos tanto en oferta como en consumo cultural.

Neste contexto, salientou que en Galicia se editaron arredor de 3.000 libros, dos cales 2.000 foron en galego, o que representa un 60% do total. A facturación acadou os 27,6 millóns de euros, dos que 14 millóns corresponden a publicacións en lingua galega.


Apoio económico ao sector editorial

O conselleiro destacou tamén o “compromiso constante” da Xunta co sector, cun investimento previsto de 3 millóns de euros neste 2025.

Entre as principais liñas de apoio, enumerou:

  • 250.000 euros para a edición de libros, que permitirán a medio cento de editoras publicar arredor de 300 títulos.
  • 200.000 euros para a tradución, beneficiando a máis de 20 editoras con preto dun cento de obras.
  • 150.000 euros destinados á produción de audiolibros e libros de lectura fácil.
  • 550.000 euros para mellorar as coleccións das bibliotecas públicas e incorporar novidades editoriais en galego en preto de 200 concellos.

“Todas estas partidas son unha mostra clara do compromiso permanente deste Goberno coa cultura e co sector do libro, que imos seguir mantendo”, concluíu.

O 72% dos galegos le en galego de forma habitual ou ocasional, segundo a Xunta
Comentarios