miércoles. 09.10.2024

A Xunta de Galicia publica hoxe no Portal de Transparencia a consulta pública previa para a nova Lei de inclusión social de Galicia. É o primeiro trámite de cara á elaboración desta norma, coa que a nosa Comunidade exerce a súa competencia exclusiva en materia de servizos sociais e en concreto no eido da loita contra a pobreza.

O obxectivo é reformar a Lei 10/2013 e reordenar o mapa de axudas de inclusión social que ofrece Galicia para axudar ás persoas máis necesitadas. Esta revisión busca adaptarse ao novo contexto xurdido pola posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha prestación que foi revisada en varias ocasións desde a súa aprobación por Real Decreto en xuño de 2020.

Coa nova Lei de inclusión social, a Xunta procurará evitar duplicidades entre a Risga e o IMV, achegar seguridade xurídica ante a coexistencia das dúas prestacións e garantir que as persoas que perciben o IMV conten con apoios e incentivos para a inserción sociolaboral. Así mesmo, búscase simplificar e axilizar a tramitación da Risga e das Axudas de Inclusión Social (AIS), que aboa a Comunidade Autónoma.

En paralelo, Galicia seguirá reclamando que se descentralice a xestión do Ingreso Mínimo Vital e que poida ser tramitada desde a Xunta, do mesmo xeito que as pensións non contributivas. Así, poderán tomarse medidas para que o IMV chegue con máis axilidade ás persoas que o necesiten e para garantir que o mapa de prestacións de inclusión sexa máis coherente e cobra todo tipo de casuísticas de emerxencia social.

Lei de inclusión social de Galicia