jueves. 28.03.2024

A Praza de Abastos do Porriño acolleu hoxe o acto de Homenaxe ás Peixeiras incluído na programación conmemorativa do Día Internacional da Muller.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañados de membros do goberno local dos dous concellos da Louriña, visitaron a praza para visibilizar a importante contribución á sociedade que desempeñan as nosas mulleres comerciantes.

“Queremos poñer en valor o traballo das peixeiras, das placeiras e de todas as mulleres cuxo traballo diario tira do carro da economía local e da dos seus fogares”, afirmou o Alcalde Alejandro Lorenzo, “É de xustiza dicir aquí na praza, onde conflúen as vidas de todas as veciñas e veciños da Louriña, que o papel da muller foi e segue sendo esencial no progreso do Porriño e que é por elas, polas nosas avoas, polas nosas nais…polo que o mundo nunca parou de xirar. Por todas esas que dalgunha maneira fan que parezca doado o que non o é”.

No mesmo sentido se manifestou a rexedora mosense, Nidia Arévalo, que destacou o papel de “todas as mulleres que compran e venden neste lugar, todas as que levan entrando e saíndo a diario durante anos… Mulleres fortes que, sen sabelo, nos fan máis fortes a todas como colectivo: mulleres nais, avoas, irmás, fillas, netas… Mulleres como a miña avoa, a miña tía, a miña nai ou eu mesma, mulleres coma todas vós, que formamos parte activa da vida desta praza da que temos lembranzas dende a nenez”.

Tras a homenaxe, os representantes municipais visitaron a praza e a súa contorna, onde repartiron bolsas de tea co lema que este ano reivindica o 8M na Louriña, “A IGUALDADE DENDE O BERCE”.

Os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller organizados polo Concello de Mos continúan hoxe e durante todo o mes de marzo, finalizando o 5 de abril.

Hoxe pola tarde ás 19.00 no Pazo de Mos terá lugar a homenaxe ás primeiras mulleres da industria mosense. Mañá ás 10.30 horas encontro interxeracional de mulleres mosenses cos mozos do IES de Mos. O 11 de marzo Taller de solo pélvico. Tamén o 11 de marzo monólogo “Ler o prospecto antes de….” no C.C. Abrente ás 21:00 h. O 12 de marzo monólogo “Ler o prospecto antes de….” no Centro Cultural de Herville ás 21:00 h. O 13 de marzo concerto das Girl’s Gang 2º pase. O 5 de abril ás 19:00 h presentacion do Plan de Igualdade do Concello de Mos. E os días 24, 25, 31 de marzo e 1 de abril, xornadas de intervención contra a violencia de xénero.

As “I Xornadas de Intervención e tratamento contra a violencia” serán impartidas por técnicos (xuízas, mestras, psicólogas, avogadas… entre elas Mariña Marroquí, que é escritora e educadora social) e, entre outras, Concepción Cendón, psicóloga forense, Asunción Lois, avogada responsable da quenda de oficio de vítimas de violencia do Colexio de Avogados de Vigo, etc.

Homenaxe ás Peixeiras da Louriña