sábado. 20.04.2024

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a concesión das axudas para financiar actividades das confederacións e federacións e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para este ano, das que se beneficiarán un total de 26 ANPAs.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade habilitou este ano unha partida de 60.271€ co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento das actuacións e a gastos de xestión, material e mantemento das instalacións das confederacións, federacións e ANPAs de centros de educación especial.

En total concedéronselle axudas a 26 entidades. Na provincia da Coruña as beneficiarias son a Confederación Galega de ANPAS de centros públicos (CONFAPA), a Confederación de ANPAS Galegas, a Federación provincial de ANPAS de centros públicos, a ANPA do CEE Nuestra Señora del Rosario e a ANPA do CEE Nuestra Señora de Lourdes, da Coruña; a Federación centros públicos Compostela e a ANPA Colexio Duques de Lugo, ambas de Santiago de Compostela; a Federación de centros públicos A Costa da Morte (Carballo) e a ANPA CEE Amicos (Ribeira).

No caso da provincia de Lugo, recibirán a axuda a Federación provincial de ANPAS de centros públicos (FAPACEL), a Federación provincial de APAS (FAPALUGO) e a ANPA do CEE Santa María, todas elas do concello de Lugo. En Ourense resulta beneficiaria a Federación provincial de ANPAS centros públicos As Burgas, do concello de Ourense.

Finalmente, na provincia de Pontevedra recibirán as axudas a Federación provincial de ANPAS centros públicos (FANPA) e a ANPA do CEE Juan XXIII, ambas do concello de Pontevedra; a Federación Estradense (FESANPAS, A Estrada), a ANPA do CEE Joaquina Sobrino (A Guarda), a ANPA La Ilusión del Valle Miñor (Nigrán), a ANPA de ACEESCA CEE Santísimo Cristo del Amor (O Porriño), as ANPAS do CEE de Vilagarcía de Arousa e do CEE Os Mecos (ambas en Vilagarcía); a Federación ANPAS Centros Públicos A Gameliña (Cangas); a Federación ANPAS Olívica (FOANPAS), a ANPA do CEE A Menela e a ANPA do CEE Saladino Cortizo, todas elas en Vigo.

O obxecto desta convocatoria é contribuír ao desenvolvemento das actividades e a sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento ordinario das instalacións destas entidades.

26 Anpas de centros de educación especial benefícianse das axudas