miércoles. 26.08.2026

Turismo de Galicia informou favorablemente a solicitude do Concello de Muxía para que a Romaría da Virxe da Barca sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional, un recoñecemento que suporía un novo impulso para a proxección exterior dunha das celebracións máis arraigadas e singulares de Galicia.

O informe favorable foi emitido tras analizar a documentación presentada e comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos. Neste sentido, a Xunta puxo en valor a Romaría da Virxe da Barca como exemplo da capacidade de Galicia para converter o seu patrimonio, as súas tradicións e a súa identidade en recursos de atracción turística. Destacou tamén a súa estreita vinculación coa tradición xacobea e coa Costa da Morte, un dos territorios galegos con maior proxección turística.

A relación co Xacobeo e co Camiño de Santiago constitúe un dos principais valores da celebración. A lenda da aparición da Virxe ao Apóstolo Santiago en Muxía conecta a romaría coa historia das peregrinacións a Galicia, mentres que o Santuario da Virxe da Barca é un dos destinos asociados á prolongación do Camiño ata a Costa da Morte.

A romaría, que se celebra cada mes de setembro e mantén unha tradición de peregrinación documentada desde hai séculos, combina os actos relixiosos cun amplo programa cultural e festivo. A implicación da veciñanza e das asociacións locais contribúe a manter vivo un patrimonio transmitido de xeración en xeración e a proxectar a localidade dentro e fóra de Galicia.

Con esta valoración favorable, a Romaría da Virxe da Barca avanza no seu obxectivo de converterse nunha nova referencia internacional do calendario festivo galego e de reforzar a posición de Muxía e da Costa da Morte como destinos vinculados á tradición xacobea e á experiencia da peregrinación.

O seguinte paso será que o Concello de Muxía remita o expediente ao Ministerio de Industria e Turismo, organismo ao que lle corresponderá resolver definitivamente a declaración como Festa de Interese Turístico Internacional.

A Virxe da Barca pon rumbo ao recoñecemento internacional
Comentarios