A natureza volverá converterse esta fin de semana nun espazo de calma, percepción e benestar coa celebración de novas rutas do programa provincial +Bosques. A iniciativa da Deputación de Pontevedra chegará o sábado 29 de agosto ao Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro, e o domingo 30 ao Pazo de Lourizán, en Pontevedra.
As actividades desenvolveranse en dúas quendas cada día e contarán coa participación de 60 persoas. Todas as prazas dispoñibles están esgotadas, o que confirma a boa acollida dunha proposta orientada a reforzar o contacto directo coa natureza mediante os denominados baños de bosque.
Da fervenza de Barosa ao arboreto de Lourizán
No Parque da Natureza do Río Barosa, as persoas participantes percorrerán dous treitos: a zona superior e a chaira situada antes da popular fervenza. Este enclave destaca pola súa paisaxe e polo conxunto de 17 muíños de auga construídos nas marxes do río.
Pola súa banda, o Pazo de Lourizán permitirá descubrir o seu xardín botánico, coñecido como Arboretum. Creado en 1949 con fins investigadores, didácticos e recreativos, reúne unha notable variedade de especies vexetais nunha contorna de especial valor natural e patrimonial.
Os itinerarios combinan a estimulación dos sentidos con exercicios físicos e psicolóxicos. O obxectivo é favorecer unha experiencia de conexión coa natureza e axudar a comprender e fortalecer os vínculos co patrimonio ambiental da provincia.
Setembro esgota as súas prazas nun día
A edición deste ano de +Bosques inclúe percorridos por sete espazos da costa e do interior pontevedrés, seleccionados para mostrar a diversidade de ecosistemas e a riqueza natural do territorio.
As últimas rutas, programadas para setembro, esgotaron todas as súas prazas en menos dun día. O calendario inclúe saídas pola contorna do río Lérez, en Pontevedra, os días 5 e 26; polo mosteiro de Carboeiro, en Silleda, o 6 e o 27; polo Pazo de Lourizán o día 12; polas fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga, o 13; polo río Barosa, en Barro, o 19; e polo río Maneses, en Campo Lameiro, o 20 de setembro.
