domingo. 14.04.2024

A Comisión Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra celebrou hoxe a súa reunión mensual no municipio de Covelo, no marco da filosofía de descentralización destes encontros de traballo, e abordou os vindeiros investimentos do Goberno galego para a comarca da Paradanta, que están cifrados en máis de 1,8 millóns de euros.

O delegado territorial, Luis López, mantivo un encontro co alcalde anfitrión, Pablo Castillo, e posteriormente presidiu esta reunión, que se celebrou novamente de xeito itinerante, desta volta no Lugar dos Devas, tras a celebrada o pasado mes de xullo no Centro Cultural de Pedornes, no Concello de Oia.

Na reunión cos responsables territoriais das distintas consellerías abordáronse as principais cuestións de ámbito autonómico, como o inicio da actividade das escolas infantís na xornada de hoxe, o inminente arranque do curso escolar nos colexios e institutos públicos entre esta semana e a próxima, os bos resultados turísticos dos meses centrais do verán en toda a provincia ou o balance da campaña de prevención e extinción dos lumes forestais, entre outros asuntos.

Así mesmo, e dado que o encontro tivo lugar na comarca da Paradanta, tamén se fixo un repaso aos inminentes investimentos da Xunta de Galicia para esta contorna, que está previsto que superen os 1,8 millóns de euros tras a melloras en centros sanitarios e educativos, infraestruturas viarias, accións e servizos sociais e apoio á contratación de persoal realizados este verán.

Deste xeito, está previsto que se destinen máis de 200.000 euros para a mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco coa seguinte distribución: 68.818 euros na Cañiza, 61.519 euros en Covelo, 39.695 euros en Crecente e 36.008 euros en Arbo. Tamén se vai proceder á modernización de infraestruturas municipais con 50.161 euros para A Cañiza destinados á reforma integral do vial das Adegas, en Valeixe, e con 62.719 euros para Crecente orientados á humanización da conexión Capela-Quintela.

En materia de infraestruturas, estase a traballar na tramitación da mellora integral da estrada PO-400 ao seu paso por Arbo cun orzamento de 1,2 millóns de euros e na reposición do firme na PO-406 entre Varóns e Filgueira, en Crecente. Precisamente, este concello tamén recibe máis de 90.000 euros para o abastecemento de Cavadas e O Cazapal e o saneamento en Xesta e Xestal, ao tempo que se redacta o proxecto de mellora integral da subministración de auga potable para o Concello de Arbo.

Finalmente, a Xunta tamén está tratando de axilizar a constitución do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) para a bisbarra da Paradanta, que terá a súa sede na Cañiza, e para o que se concedeu un camión de última xeración para a atención e coordinación das incidencias valorado en 200.000 euros.

1,8 M€ para a comarca da Paradanta