jueves. 05.12.2024

O mercado semanal que cada xoves se celebra en Tui cumpre coas medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias e o 100% dos postos que acoden ao mesmo están regularizados.

Dende que retomou a súa actividade o pasado 18 de xuño, tras o parón debido ao estado de alarma, o mercado semanal celébrase agora na prolongación da rúa Casal Aboy e nos terreos das antigas instalacións de Cam-Fran. O goberno municipal apostou na súa reapertura polo cambio de ubicación para garantir que puideran regresar os 160 postos autorizados cumprindo a normativa establecida, que recolle entre outras medidas a distancia mínima entre postos.

Dende o Concello apostouse por un mercado seguro co establecemento de xel hidroalcólico nas entradas e saídas do mercado, fixando un sentido de tránsito único con percorridos separados por valos e cinta e marcando unha separación de 6 metros con respecto ao posto situado enfronte e coma mínimo metro e medio co lateral. Amais nas inmediacións habilitouse un aparcamento gratuíto para facilitar a asistencia de público.

Amais dende o Concello fixouse coma obxectivo que todos os vendedores e vendedoras acudirán en igualdade de condicións no referido ao pago das taxas municipais. Por este motivo no momento de retomar a actividade do mercado comunicóuselle aos vendedores ambulantes que acumulaban débedas dende 2019 que dispuñan dun prazo improrrogable de 30 días para regularizar a súa situación, ou en caso contrario, segundo o recollido na ordenanza municipal, revogaríase a autorización do posto por incumprimento das condicións establecidas.

Transcorrido ese prazo o 97,5% dos 160 postos regularizaron a súa situación segundo explica a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, quen sinala que “isto deixa de manifesto claramente que o mercadillo de Tui cumpre as súas expectativas de venda”. A edil salienta a implicación do goberno municipal para garantir a continuidade do mercado dun xeito seguro e en condicións de igualdade para todos os vendedores e vendedoras.

Amais na última mesa de traballo coas asociacións representativas dos vendedores ambulantes da provincia que acoden os xoves a Tui xurdiron novas propostas que están a ser estudadas. A concelleira de Mercado, Ana Mª Núñez, agradece a implicación dos vendedores ambulantes para que o de Tui sexa un mercado seguro e digno, e un referente en modelo de venda ambulante. Tamén agradece a súa entrega e bo facer ao equipo técnico, persoal municipal, e Policía Local.

Tui 'blinda' sanitariamente o mercado dos xoves