sábado. 20.12.2025

O Teatro Municipal de Tui acollerá mañá, ás 20.00 horas, o concerto “Sinfonía de Nadal”, protagonizado polo alumnado do Conservatorio e da Escola de Música de Tui. A actuación forma parte da programación “Tui, o Camiño do Nadal”, organizada polo Concello de Tui.

Ao longo do concerto, o alumnado amosará o seu talento e o traballo realizado durante o curso a través dun variado repertorio que abarcará desde a música clásica ata a tradición galega e os ritmos máis modernos. Sobre o escenario actuarán a Banda e o Coro do Grao Profesional, o grupo de Música e Movemento e a Big Band do Grao Elemental.

Un dos momentos máis especiais da velada chegará no peche do concerto, coa actuación conxunta da Orquestra de Cordas do Grao Profesional e de todos os coros do centro, nun final colectivo que promete emocionar ao público.

“Sinfonía de Nadal” é un evento pensado para todos os públicos, cunha duración aproximada de 80 minutos, nos que as interpretacións musicais servirán para transmitir o espírito do Nadal e poñer en valor a calidade e dedicación do alumnado.

A entrada será de balde e poderá retirarse mañá a partir das 19.00 horas no vestíbulo do Teatro Municipal de Tui.

O alumnado do Conservatorio e da Escola de Música de Tui ofrece mañá o concerto...
Comentarios