O Concello do Porriño pon en marcha este mércores, 17 de decembro, o Tren do Nadal, unha iniciativa especial dirixida ao alumnado de distintos centros educativos do municipio co obxectivo de ofrecer unha saída cultural e festiva na que poder coñecer de primeira man a decoración e a iluminación das rúas durante estas datas tan sinaladas.
A actividade desenvolverase durante as tardes dos días 17, 18 e 19 de decembro. En cada xornada participarán arredor de medio cento de persoas por centro educativo, incluíndo alumnado e persoal acompañante. Os protagonistas desta experiencia serán os nenos e nenas dos colexios de Ribeira, Cruz Budiño, Antonio Palacios e Fernández López, así como os usuarios de Aceesca, que poderán desfrutar dun percorrido pensado para combinar aprendizaxe e diversión mentres descobren a maxia do Nadal no seu propio concello.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “con esta iniciativa queremos achegar o espírito do Nadal aos nosos escolares e ás súas familias, fomentando a participación e o sentido de comunidade, ao tempo que promovemos actividades accesibles para todos”. O rexedor engadiu que “ver aos máis pequenos desfrutar das luces e da ambientación festiva pola vila é sempre un motivo de satisfacción para o Concello, que traballa para facer destas datas unhas festas cheas de emoción e participación”.
Unha vez finalizadas as viaxes escolares, o Tren do Nadal abrirá as súas portas ao público xeral a partir do sábado 20 de decembro, formando parte da ampla programación cultural e festiva organizada polo Concello para este Nadal, que se pode consultar na web ecultura.net.
O servizo para a veciñanza e visitantes funcionará do 20 ao 23 e do 26 ao 29 de decembro, en horario de 11.00 a 13.00 horas e de 16.30 a 21.00 horas. Xa no mes de xaneiro, o tren circulará os días 2, 3 e 4 no mesmo horario, realizando parada no polideportivo municipal, onde se celebrará o Porriño Peque Fest durante esas xornadas.
Ademais, os días 24 e 30 de decembro e o 5 de xaneiro, o Tren do Nadal prestará servizo unicamente en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, e participará tamén na tradicional Cabalgata de Reis, poñendo o broche final á programación festiva.
