viernes. 31.07.2026

As heroínas silenciosas da sega e da malla no Courel

A sega e a malla marcaron durante séculos o ritmo da vida no Courel. Neste labor colectivo, as mulleres desempeñaron un papel imprescindible, sostendo coa súa entrega o alimento, a familia e a memoria dunha terra.

Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

As mulleres do Courel: as mans que sostiñan a malla

Houbo un tempo no que agosto non era sinónimo de vacacións nin de festas. Era o tempo da sega e da malla, os días máis intensos do ano, cando do traballo de toda a familia dependía o pan que había de alimentar a casa durante os meses seguintes.

Nas leiras do Courel, o trigo e o centeo segábanse coa fouce. Era un labor lento, duro e esixente. Homes e mulleres compartían a faena, dobrando o lombo baixo un sol abafante. As mulleres segaban, recollían as espigas e ataban os mollos cos biortos, feitos coa propia palla, cunha destreza aprendida desde a infancia.

Unha vez atados, os mollos xuntábanse para levantar as medas. Había que saber facelas ben para que resistisen o vento e a chuvia sen estragar o gran. Aquel tamén era un saber que pasaba de nais a fillas, de xeración en xeración.

Pero o seu traballo non remataba aí. Mentres a sega continuaba, eran elas quen preparaban a comida para toda a familia e a levaban ata a leira nunha cesta. Pan, caldo, touciño, queixo ou o que dese a casa. Aquela breve parada era o único descanso antes de volver ao traballo.

Chegado o día da malla, a aira convertíase no corazón da aldea. Alí non había traxes tradicionais nin representacións para os visitantes. Había suor, po, esforzo e colaboración. O son dos mallos marcaba o ritmo dunha tarefa da que dependía a colleita de todo un ano.

As mulleres seguían ocupando un lugar esencial. Recollían a palla, peneiraban e limpaban o gran, enchían os sacos e deixaban todo preparado para gardalo no hórreo ou na casa. Cada gran era valioso. Nada se desperdiciaba.

As xornadas comezaban antes de saír o sol e remataban xa entrada a noite. E, ao regresar á casa, aínda quedaban os animais, a cea, a limpeza e o coidado dos fillos. O descanso apenas existía.

Hoxe, nalgúns lugares, a malla represéntase como unha festa popular. É fermoso que esa tradición continúe viva, pero non debemos esquecer que durante séculos non foi unha celebración, senón unha necesidade. Detrás de cada meda, de cada saco de gran e de cada molete de pan había días de sacrificio e un esforzo inmenso.

A historia do Courel tamén foi escrita polas mulleres. Polas súas mans encallecidas, pola súa fortaleza silenciosa e pola súa capacidade para soster a familia sen pedir nunca recoñecemento. Foron elas quen alimentaron xeracións enteiras co seu traballo, coa súa constancia e cunha dignidade que merece permanecer para sempre na memoria da nosa terra.

VERSIÓN EN GALEGO NO NORMATIVO: "O galego que mamein desde nena foi o caurelan e aprendin dos mayores", explica Fernández Campo. 

As mulleres do Courel: as mans que sostiñan a malla

Houbo un tempo no que agosto non era sinónimo de vacacións nin de festas. Era o tempo da sega e da malla, os días máis intensos do ano, cando do traballo de toda a familia dependía o pan que había de alimentar a casa durante os meses seguintes.

Nas leiras do Courel, o trigo e o centeo segábanse coa fouce. Era un labor lento, duro e esixente. Homes e mulleres compartían a faena, dobrando o lombo baixo un sol abafante. As mulleres segaban, recollían as espigas e ataban os mollos cos biortos, feitos coa propia palla, cunha destreza aprendida desde a infancia.

Unha vez atados, os mollos xuntábanse para levantar as medas. Había que saber facelas ben, para que resistisen o vento e a chuvia sen estragar o gran. Aquilo tamén era un oficio que pasaba de nais a fillas, de xeración en xeración.

Pero o seu traballo non remataba aí. Mentres a sega continuaba, eran elas quen preparaban a comida de toda a familia e a levaban ata a leira nunha cesta. Pan, caldo, touciño, queixo ou o que dese a casa. Aquela parada breve era o único descanso antes de volver ao traballo.

Chegado o día da malla, a aira convertíase no corazón da aldea. Alí non había traxes tradicionais nin representacións para os visitantes. Había suor, po, esforzo e colaboración. O son dos mallos marcaba o ritmo dunha tarefa da que dependía a colleita de todo un ano.

As mulleres seguían ocupando un lugar esencial. Recollían a palla, peneiraban e limpaban o gran, enchían os sacos e deixaban todo preparado para gardalo no hórreo ou na casa. Cada gran era valioso. Nada se desperdiciaba.

As xornadas comezaban antes de saír o sol e remataban xa entrada a noite. E, ao regresar, aínda quedaban os animais, a cea, a limpeza da casa e o coidado dos fillos. O descanso apenas existía.

Comentarios