viernes. 17.04.2026

Neste abril, cando se cumpren cincuenta anos da morte de Ramón Otero Pedrayo, semella oportuno ollar alén da necesaria conmemoración e atender ao esencial: por que segue a ser necesario reivindicalo. Como ten expresado o presidente da Fundación Otero Pedrayo, non abondan os acordos institucionais nin as declaracións solemnes se non van acompañadas dunha lectura viva e útil do seu legado e do seu papel como esteo simbólico da cultura galega.

Otero non é só unha figura do pasado, senón unha presenza que continúa a ordenar o noso imaxinario colectivo.

A posición de Pedrayo na tradición galega é singular. Recibe o impulso do Rexurdimento, pero vai máis alá: dálle outra estrutura e insíreo nun diálogo europeo que o afasta tanto do localismo estreito como dun universalismo sen raíces. Como membro do Grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos, participa nun proxecto de país capaz de se explicar cara ao interior e tamén cara ao exterior.

Otero non é só unha figura do pasado, senón unha presenza que continúa a ordenar o noso imaxinario colectivo. Hai autores que escriben libros e outros que contribúen a escribir un país. Otero pertence a esta segunda categoría. A súa obra responde a unha idea central: Galicia reivindicada como territorio de seu, como sistema único de relacións xeográficas históricas e culturais.

Non convén, porén, caer na tentación de converter a figura de Otero nunha peza de museo. A súa vixencia reside, entre outros valores, en que a súa obra permite pensar a realidade galega desde a complexidade que supón construír unha identidade asentada na lingua e na cultura, especialmente nun contexto historicamente carente de estruturas políticas propias como o que lle tocou vivir.

Agora que temos esas estruturas, cómpre insistir na súa dimensión simbólica. Durante décadas, Pedrayo foi percibido como unha figura patriarcal que encarnaba unha Galicia culta e consciente de si, que sustentaba o seu ser na cultura e na lingua. Hoxe, nun tempo de referencias políticas máis fráxiles, esa función de guía e de exemplo de intelectual total de Otero segue a ter sentido como punto de encontro colectivo. O consenso institucional arredor da súa persoa, visible na declaración do Ano Oteriano, é indicativo disto mesmo. Mais ese acordo corre o risco de quedar nun xesto formal se non se traduce nun esforzo real de lectura, discusión e actualización das súas ideas, do seu exemplo ético e do seu legado. Reivindicar a Otero Pedrayo implica incorporalo a unha conversa que continúa, e que debe buscar achegarse a uns marcos comúns indispensables sobre o país e para o país, por enriba de ideoloxías concretas.

Pedrayo foi percibido como unha figura patriarcal que encarnaba unha Galicia culta e consciente de si, que sustentaba o seu ser na cultura e na lingua.

Non se trata de repetilo nin de convertelo nunha autoridade inmóbil, senón de dialogarmos desde el. Hai elementos do seu pensamento que seguen plenamente vixentes —a idea de Galicia como realidade lingüística, cultural, e tamén política de seu, plural, aberta a Europa— e outros que deben ser revisados á luz do presente de sermos estado autonómico integrado nas institucións europeas, que obriga a responsabilidades políticas máis profundas e complexas.

Quizais o máis importante sexa entender que Otero non ofrece respostas pechadas, senón preguntas: sobre o territorio, a memoria ou o sentido de pertenza. Preguntas que seguen a nos interpelar.

Se Galicia quere seguir pensándose a si mesma con altas miras, Otero continúa a ser unha das súas mellores ferramentas. Non a única, certamente -aí están os compromisos de Castelao, dos intelectuais do Seminario de Estudos Galegos-, pero si unha das máis fondas e vizosas. E iso, medio século despois, non é pouca cousa. De nós depende que dentro de cincuenta anos nos teñamos achegado máis ao país que soñou e defendeu Pedrayo.

Xosé Antonio López Silva

Profesor e escritor.

Xosé Antonio López Silva (Santiago, 1972) é catedrático de Latín, investigador da Universidade de Lisboa e membro do Padroado da Fundación Otero Pedrayo. Desenvolve unha ampla actividade como tradutor, editor e crítico literario, con versións de autores clásicos como Idacio de Chaves, Martín de Braga, Plauto ou Sófocles, así como de literatura galega como Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro. Colabora habitualmente en medios culturais e radiofónicos, destacando a súa presenza en publicacións como Grial, Radio Clásica e a Radio Galega.

Otero Pedrayo: memoria e compromiso de país
Comentarios