jueves. 30.07.2026

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán celebrará o vindeiro 16 de setembro os 175 anos do nacemento de Emilia Pardo Bazán cunha xornada dedicada a revisitar o seu papel como pioneira do xénero negro en España. A cita terá lugar na Fundación Luis Seoane, na rúa San Francisco, 27, da Coruña, a partir das 18:00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade do salón de actos.

Baixo o título “Emilia Pardo Bazán, pioneira do xénero negro”, o encontro partirá dos contos criminais da autora coruñesa para poñelos en diálogo coa narrativa negra galega contemporánea. A xornada contará coa intervención do investigador Xaquín Núñez Sabarís e coa participación dos escritores Pedro Feijoo, Inma López Silva e Ana Viéitez, tres voces que achegarán distintas miradas sobre a presenza do crime, a sospeita, a violencia e a investigación na literatura actual.

O programa incluirá tamén o acompañamento musical de Mario Diz ao violín, que exercerá como contrapunto emocional arredor da tensión, o suspense e a intensidade dramática propias do xénero negro.

A actividade está organizada pola Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O crime como fenda e revelación

A académica de número María López-Sández, responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e coordinadora da xornada, contextualiza a importancia da escritora no ronsel dunha tradición literaria que tivo algúns dos seus referentes nos contos de Edgar Allan Poe e nas narracións de Arthur Conan Doyle protagonizadas por Sherlock Holmes.

Neste marco, Pardo Bazán explorou en obras como La gota de sangre e Un destripador de antaño as posibilidades literarias do crime, da sospeita, da investigación e da tensión moral.

Segundo López-Sández, na autora coruñesa, como segue a acontecer na literatura galega actual, “o crime funciona como fenda e como revelación”. Permite observar as zonas máis escuras da sociedade, interrogar os conflitos dunha época e explorar emocións como a violencia, a culpa, o medo, a sospeita ou a xustiza.

Os contos criminais de Pardo Bazán

A conferencia inaugural correrá a cargo de Xaquín Núñez Sabarís, baixo o título “Antecedentes do xénero negro. Os contos criminais de Emilia Pardo Bazán”. O investigador abordará a marcada dimensión social e espacial da literatura policial, que a miúdo funciona como unha sorte de crónica social ou de realismo contemporáneo.

Seguindo esta liña, Núñez Sabarís afondará nos contos criminais de Pardo Bazán como antecedentes singulares nos que a escritora compartiu unha perspectiva avanzada sobre os conflitos do seu tempo e retratou, desde unha mirada crítica, as estruturas sociais que os facían posibles.

Do crime literario á narrativa galega actual

A xornada continuará coa mesa redonda “Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa negra galega de hoxe”, na que participarán Pedro Feijoo, Inma López Silva e Ana Viéitez.

Pedro Feijoo, figura imprescindible na consolidación e popularización do xénero negro nas letras galegas contemporáneas con obras como Os fillos do mar ou a recente Onde nacen as bestas, analizará os mecanismos narrativos de Pardo Bazán e a súa conexión coa construción actual da intriga, do espazo urbano e da investigación na novela contemporánea.

Pola súa banda, Inma López Silva, autora de Por qué Asunta?, arredor do crime de Asunta Basterra, abordará a relación entre literatura, realidade, violencia, memoria social e representación do crime.

A escritora Ana Viéitez, que vén de debutar con Pacto de silencio, ofrecerá unha mirada emerxente sobre a vixencia do crime como materia narrativa e sobre as novas formas de suspense, violencia e conflito nas letras galegas.

Unha autora adiantada ao seu tempo

A xornada permitirá reivindicar unha faceta especialmente moderna de Emilia Pardo Bazán, autora que se achegou ao crime non só como recurso argumental, senón tamén como ferramenta para interpretar a sociedade, revelar tensións morais e poñer en cuestión estruturas de poder.

Con esta proposta, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conmemora os 175 anos do nacemento dunha das grandes figuras da literatura galega e española, poñendo o foco nunha dimensión da súa obra que dialoga directamente co auxe actual da narrativa negra.

Pardo Bazán, a pioneira galega que abriu camiño ao xénero negro
Comentarios