domingo. 13.10.2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar os traballos de sinalización de rutas ciclistas protexidas en máis de 600 quilómetros de estradas autonómicas de Galicia.

Esta intervención, que se enmarca no Plan de Seguridade Viaria da Xunta, contou cun investimento superior aos 180.000 euros.

En total, actuouse en 10 percorridos das estradas autonómicas das catro provincias, coa instalación de máis de 300 sinais e paneis para que os condutores estean alerta da presenza dos ciclistas.

Na provincia da Coruña, instaláronse sinais en rutas ao seu paso por concellos como Santiago, Ames, Brión, Noia, Porto do Son, Ribeira, Padrón, Arzúa, Oleiros, Betanzos ou Abegondo, entre outros.

En Lugo, sinalizáronse rutas nos municipios de Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Vilalba ou Xermade.

En Ourense, as actuacións acometéronse en vías autonómicas nos concellos de Ribadavia, Maceda, Castrelo de Miño, Toén, Barbadás, Ourense, Leiro, Cenlle ou O Carballiño.

Na provincia de Pontevedra, os sinais colocáronse en estradas de concellos como Poio, Sanxenxo, O Grove, O Porriño, Vigo, Baiona, Oia, O Rosal ou Tui.

Máis seguridade

O obxectivo destas intervencións é incrementar a seguridade nas rutas habituais dos ciclistas deportivos, colectivo que precisa de características diferenciais no uso das estradas.

Os ciclistas deportivos circulan a unha velocidade moito maior, polo que teñen que desprazarse pola calzada, preferentemente pola beiravía.

Estas circunstancias do colectivo provocan situacións de maior vulnerabilidade nos seus desprazamentos, polo que a Xunta reforza a súa protección coa realización de actuacións como estas de sinalización e alerta aos condutores.

No seguinte mapa amósanse as zonas onde se colocou a sinalización das rutas ciclistas protexidas:

A iniciativa consistiu na colocación de máis de 300 sinais en 10 percorridos das vías autonómicas das catro provincias coa fin de alertar da presenza dos ciclistas.

Sinalizadas as rutas ciclistas protexidas en máis de 600 quilómetros de estradas...