viernes. 19.04.2024

O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción diante da candidatura do Mestre Rogelio Groba Groba aos Premios Princesa de Asturias das Artes 2021, e fai público o seu apoio ante o que consideran un merecido e xusto recoñecemento.

“A proposta de presentación desta candidatura por parte da Xunta, que nos trasladou a Orquestra de Cámara Galega, supón un gran recoñecemento para o Mestre Groba. Fillo predilecto de Ponteareas, é a máxima expresión da creación musical galega co catálogo de obras máis amplo e recoñecido de Galicia e destacado a nivel estatal”, sinalou o alcalde ponteareán, Xosé Represas.

O alcalde e Rogelio Groba, en 2020. ARQUIVO.

O premio Princesa de Asturias das Artes promove e difunde o patrimonio universal dos valores científicos, culturais e humanísticos e no apartado das Artes ten recoñecido a traxectoria de Peter Brook, considerado o mellor director teatral do século XX, Martin Scorsese, Nuria Espert, Francis Ford Coppola, Norman Foster ou Bob Dylan entre outros expoñentes das Artes a nivel mundial.

O Mestre Groba, nado na parroquia ponteareá de Guláns no ano 1930, é un músico de referencia pero tamén profesor e, sobre todo, compositor e fervoroso dinamizador do patrimonio musical traballando sempre por promover a cultura musical popular e por achegala e devolvela ao pobo.

Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da banda “A Unión”, de Guláns, onde comezou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos, da dirección da agrupación.

Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. Despois exerceu como director de banda en diversas prazas da xeografía galega (A Estrada, Tui e Ponteareas) e española (Pedro Muñoz, en Cidade Real).

En 1962 trasladouse a Suíza e alí dirixiu numerosas agrupacións musicais, con gran éxito, como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a celebrar catro “Festivais Groba” como recoñecemento ao seu labor artístico. Tamén dirixiu a Editorial Musical Rauber, en Lausanne.

En 1967, de volta a España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña  ao tempo, fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía, e de Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.

De extensa discografía e autor de numerosos ensaios e libros desde 2002 preside a Fundación Rogelio Groba, clasificada “De interese cultural” e “De interese galego” polo goberno de Galicia.

O Concello de Ponteareas homenaxea cada ano ao Mestre Groba celebrando o afamado Festival Groba no que se dan cita os músicos máis salientábeis do universo da música de cámara. O Festival Groba supón unha oportunidade única para gozar da música de cámara de xeito totalmente gratuíto sendo o seu obxectivo principal achegar a toda a cidadanía o patrimonio musical.

Dende o 2016, D. Rogelio Groba conta cunha rúa en Ponteareas que leva o seu nome. Neste último ano, o Concello en colaboración coa Fundación Rogelio Groba e coa Deputación de Pontevedra ten editado dous libros que enxalzan e difunden a figura e vivencias do Mestre ponteareán.

Rogelio Groba Groba, candidato aos Premios Princesa de Asturias das Artes