viernes. 29.03.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta mañá á presentación do libro A lingua en 2050, un volume colectivo ideado e coordinado polo sociolingüista e profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, que recolle as reflexións, as inquedanzas e os desexos de 25 persoeiros ligados á lingua sobre a situación do galego no 2050.

A situación actual da lingua galega foi o punto a partir do cal 25 persoas con traballos en diferentes sectores e ideoloxías diversas, unidas todas elas por un factor común, a lingua galega, deixaron voar a súa imaxinación e aventuraronse a pescudar e especular sobre o futuro do idioma dentro de 30 anos.

“A nosa lingua está nun momento de estabilidade e proxección cara ao futuro que obriga a un impulso continuado e ao fomento do seu uso en contornos urbanos, familias, mocidade e tecnoloxías”, indicou Valentín García, quen colabora no volume presentando a súa propia visión e soños respecto ao idioma do país.

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén interviñeron no acto, que acolleu o Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, Fernando Ramallo, coordinador do libro e 10 dos autores deste.

MIL PRIMAVERAS

A situación actual da lingua galega foi o punto a partir do cal 25 persoas con traballos en diferentes sectores e ideoloxías diversas, unidas todas elas por un factor común, a lingua galega, deixaron voar a súa imaxinación e aventuraronse a pescudar e especular sobre o futuro do idioma dentro de 30 anos.

Partindo da premisa Como imaxinas a lingua en 2050?, Fran Alonso, Xesús Alonso Montero, Celso Alvarez Cáccamo, Xosé Luís Axeitos, Darío Xohán Cabana, Conchi Cochón Rodríguez, Xosé-Henrique Costas González, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Valentín García Gómez, María Pilar García Negro, Xenaro García Suárez, Luís López Alonso, Rosa López Fernández, Anxo M. Lorenzo, Marcos Maceira Eiras, X. L. Méndez Ferrín, Henrique Monteagudo, Teresa Moure, Manuel Núñez Singala, Fernando Ramallo, Xosé Luís Regueira, Gabriel Rei-Doval, Francisco Rodríguez Sánchez, Rexina Rodríguez Vega e Iolanda Teixeiro Rei verteron as súas opinións e visións desde diferentes perspectivas, algunhas máis positivas e outras mesmo contraditorias, sobre o futuro que lle agarda á nosa lingua.

Esta é unha iniciativa do sociolingüista Fernando Ramallo que atopa o seu precedente, como indica Valentín García, en Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas (1974), un traballo coordinado polo agora colaborador Xesús Alonso Montero. Aquel libro buscaba, como fai agora o de Ramallo, dilucidar o futuro da lingua nun contexto social e político extremo como era a fin dunha ditadura. “Ningunha das persoas enquisadas foi capaz de prever que tan só sete anos máis tarde a lingua galega ía adquirir rango de cooficialidade grazas ao Estatuto de Autonomía e ía entrar con paso firme nos centro educativos”, destaca Valentín García ao respecto. “A primeira lección, polo tanto, que cómpre aprender é que non resulta doado prever o futuro”, engade na súa reflexión.

O reto actual é, segundo o representante de Política Lingüística, a adaptación da lingua ás novas tecnoloxías, pois “a actual diferenza entre linguas maioritarias ou minoritarias, oficiais e non oficiais está a ser substituída por linguas con tecnoloxía e, por outro lado, linguas sen tecnoloxía”. A non correcta adaptación a esta nova realidade levaría a calquera lingua a un contexto moi complicado. Por iso a Xunta de Galicia, a través de plans como o Proxecto Nós, posto a andar xusto esta semana cun orzamento inicial de 15,5 millóns de euros, busca que a cidadanía poida interactuar en galego con todo tipo de mecanismos e contornos de voz que xa forman parte do noso día a día.

Pero para que esta política lingüística cara á que se orienta o Goberno autonómico funcione, o secretario xeral considera vital “a implicación dunha cidadanía que estea disposta a participar dese proxecto a través da súa actividade familiar, empresarial, laboral e nas relacións sociais”. “Postos todos estes ingredientes a fermentar e tendo en conta que o galego segue a ser a lingua maioritaria da sociedade galega na actualidade, que o seu futuro quede garantido no 2050 é un reto posible e desexo irrenunciable”, conclúe Valentín García nun augurio doutras 1000 primaveras máis, como mínimo, para a lingua galega.

O uso do galego no 2050