viernes. 19.04.2024

A Xunta realizou hoxe na Coruña unha proba piloto co primeiro autobús de hidróxeno renovable que se incorporará ao transporte público interurbano de Galicia.

Este vehículo, que se testará nos vindeiros días, incorporouse hoxe na liña de transporte metropolitano da Xunta que une o aeroporto da Coruña co centro da cidade.

Mediante esta iniciativa, que se realiza en coordinación coa concesionaria do servizo, a empresa Alsa, búscase comprobar o comportamento dun autobús propulsado por hidróxeno en operación real, neste caso nun servizo de transporte público metropolitano, así como o das infraestruturas de subministración.

Nesta fase de proba, o vehículo percorrerá uns 200 quilómetros ao día, poderase avaliar o seu rendemento e permitirá empezar a avanzar cara á implantación extensiva desta nova tecnoloxía, chamada a xogar un papel clave na mobilidade sostible do futuro.

O autobús da liña que realiza este servizo de transporte público da Xunta é o modelo Toyota-Caetano H2 City Gold, fabricado pola empresa portuguesa CaetanoBus, e emite cero emisións. Utiliza o hidróxeno como fonte de enerxía e a súa pila de combustible xera electricidade.

Deste xeito, a tecnoloxía do hidróxeno que incorpora este autobús é absolutamente pioneira, incorporando unha pila de combustible alimentada por hidróxeno, que ten destacadas vantaxes ambientais como as cero emisións, xa que o único que emite é vapor de auga.

Este autobús tamén está libre de emisións sonoras, xa que o seu motor eléctrico é completamente silencioso, e ten unha gran autonomía que lle permite operar unha liña de características urbanas ou metropolitanas sen longas paralizacións para recargas, a diferenza dos vehículos eléctricos de baterías.

A subministración realizarase na hidroxenera situada nas instalacións de Alsa en Culleredo, instalada por Carburos Metálicos, compañía que tamén se encargará da subministración do hidróxeno. A concesionaria do servizo ten o compromiso de que todos os autobuses urbanos operados pola empresa serán de cero emisións no ano 2035.

Esta experiencia piloto é un exemplo de colaboración entre a Xunta e a operadora de cara a unha mobilidade máis sostible, no marco dun compromiso máis amplo co medio ambiente e a sustentabilidade, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) e o Green Deal lanzado pola Comisión Europea co obxectivo de reducir as emisións ata lograr a neutralidade de emisións en 2050.

Coruña proba o primeiro autobús de hidróxeno renovable no transporte público...