viernes. 06.12.2024

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do Consello, o inicio da tramitación da Lei de arquitectura de Galicia, coa que a Comunidade se situará na vangarda de España no impulso da súa calidade.

“A arquitectura é un ben de interese xeral que merece ser preservado, difundido e fomentado a través dunha lei específica”, afirmou Feijóo.

A nova lei introduce unha serie de particularidades na contratación pública da redacción dos proxectos e das direccións de obras como a recomendación de que os criterios de calidade teñan un peso do 75% da puntuación total nos contratos de servizo que non se tramiten por concurso e a oferta económica, polo tanto, non poderá avaliarse por encima do 25%. Tamén debe procurarse a contratación conxunta da redacción do proxecto e dirección da obra para garantir a continuidade e acadar a máxima calidade no proceso. Ademais, segundo engadiu Feijóo, “o Consello da Xunta aprobará criterios orientativos nos concursos para proxectos singulares ou de especial complexidade”.

A maiores, a Lei regulará o procedemento para acreditar a solvencia dos contratatistas tanto técnica como económica. A solvencia técnica acreditarase mediante títulos académicos ou profesionais en lugar dos proxectos realizados con anterioridade para “abrir o campo a novos arquitectos”. No que respecta á solvencia económica, poderase certificar a través dun seguro de responsabilidade civil e non só co volume anual de negocio.

E, en aras da transparencia, “o órgano de contratación deberá publicar os planos, informes e estudos xeotécnicos dos que dispoña”, incidiu o presidente da Xunta.

Ademais, o texto establece tanto os axentes como as distintas fases do proceso arquitectónico: planificación, deseño, execución, explotación e fin de ciclo.

Logo de aseverar que “procurar unha arquitectura excelente implica superar os lindes da súa actividade profesional”, Feijóo avanzou que a través da lei “promoveremos a divulgación para acadar unha corresponsabilidade social”.

Para concluír, o presidente da Xunta avanzou que a previsión é aprobar este texto lexislativo en 2022.

Lei de arquitectura de Galicia