jueves. 18.04.2024

A Xunta presentou esta mañá en Portugal a súa experiencia e traballo para a elaboración da Infraestrutura Verde da Comunidade galega, unha iniciativa coa que poñer en valor o potencial dos seus ecosistemas, e púxoa á disposición da cooperación territorial no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, xunto co director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida, entre outros participantes, interveu esta mañá na IV edición das xornadas Medio ambiente e sostibilidade urbana, dedicada nesta ocasión ás infraestruturas verdes e celebrada en Vila Real, onde recordou que Galicia apostou por non quedar á marxe e poñer en valor o seu patrimonio natural con esta ferramenta.

De Salvador salientou que, tal e coma define Europa, unha infraestrutura verde é unha rede de zonas naturais, seminaturais e doutros elementos ambientais, tanto vexetais como acuáticos, planificada, deseñada e xestionada estratexicamente para a prestación de servizos ecosistémicos, aqueles que resultan do propio funcionamento dun ecosistema e que achegan beneficios á sociedade, mellorando a súa saúde, economía e calidade de vida.

No caso de Galicia, a Infraestrutura Verde suma algo máis de 4,17 millóns de hectáreas, entre as que se diferencian, entre outras, as zonas núcleo, como a Rede Natura 2000; corredores ecolóxicos, que actúan a modo de vías de comunicación entre as áreas anteriores e poden ser mariños, esteiro-marisma, fluviais, paisaxísticos e terrestres; ou as zonas multifuncionais, atendendo ao tipo de servizo que prestan os diferentes ecosistemas tales como alimentación e forestal.

O director do IET indicou que os gobernos rexionais deben apostar polo desenvolvemento deste tipo de proxectos porque representan unha garantía para reducir a fragmentación de hábitats, para mellorar a conectividade ecolóxica do territorio e a provisión de ecosistemas que propicien o benestar social.

ADAPTACIÓN

Así mesmo, Enrique de Salvador salientou que, nestes días onde o mundo mira cara a Glasgow por acoller a COP26, cómpre destacar que as infraestruturas verdes tamén son un elemento condutor para mitigar os efectos do cambio climático e mellorar a resiliencia climática e a capacidade de adaptación fonte a este fenómeno mundial.

Por último, apuntou que a Xunta vén mantendo unha importante aposta por fomentar a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, o que converteu a Eurorrexión nun referente a nivel europeo na materia, o cal servirá para colaborar igualmente no eido das infraestruturas verdes.

Pola súa banda, Nuno Almeida subliñou que, como axente dinamizador e de conexión na Eurorrexión para os seus 6 millóns de habitantes, a AECT Galicia-Norte de Portugal vén apostando desde 2017 pola cooperación transfronteiriza en sectores onde apenas existía hai uns anos, como o de medio ambiente e a sostenibilidade urbana, achegándoos a empresas e a asociacións do sector, dun lado e outro da fronteira, a través das catro edicións destas xornadas.

“Hoxe podemos afirmar que a colaboración establecida entre as asociacións participantes —a galega, Agaexar, e a portuguesa, Anefa—, considérase como un exemplo de boas prácticas, xa que os seus membros participan conxuntamente en publicacións e en diversos proxectos a nivel europeo”, concluíu o director da AECT.

Infraestructura Verde