Nas saias do Monte do Castro, fronte ao Cuartel Militar de San Sebastián, chegou a este mundo, nos primeiros días de marzo de 1941, Ramón Alonso Castro, máis coñecido como Moncho "O Alemán", irmán de cinco homes e tres mulleres.
Xogaba cos seus amigos no Campo de Granada, daquela todo de terra, cunha portería defendida por Pepiño, inválido a causa dun accidente de tranvía, e delimitada por dúas pedras en lugar de postes.
Entre aqueles rapaces atopábase tamén un mozo que anos despois chegaría a ser presidente do Real Club Celta de Vigo: Ignacio Núñez.
Igualmente, Monchiño pasaba boa parte do tempo cos rapaces da súa idade na barriada da Ferrería e lembra perfectamente o piano de cola que había na Casa da Collona, edificio que hoxe acolle a Fundación Carlos Oroza.
A carón do Campo de Granada xogaba naqueles días o Fortuna e comezaba tamén a súa andaina o Celta de Vigo.
Moncho e os seus amigos movíanse polo Berbés e os seus arredores, tentando coarse por debaixo das instalacións dos circos, ben na zona do Instituto Santa Irene, ben na praia de San Francisco.
O mesmo facían cos cines, tanto no Niza como no Tamberlick. Neste último entraban moitas veces pola rúa do Príncipe, aproveitando que o edificio estaba en construción, ou pola parte alta, a través da fábrica de gasosas de Alfredo Romero. Mais tamén lembra outra ocasión na que foron convidados, vestidos con uniforme e lanza, a asistir a unha representación de Fuenteovejuna no Teatro Rosalía de Castro.
"Comiamos gratis nas escolas públicas e nunca fumei nin consumín alcohol, porque non estaba permitido se non cumpriras os dezaoito anos", recorda.
O deporte era a gran diversión e, como non había posibilidades de viaxar, acudían aos campamentos.
Non esquece Vilanova de Arousa nin o campamento Paco Leis, onde exerceu de carteiro, facendo o reparto en bicicleta. Alí coñeceu a Secundino Diz, un dos instrutores que, ademais de ensinarlles a desfilar, lle aprendeu a nadar.
Foi o inicio dunha amizade que perdura ata hoxe.
De recadeiro en Vigo a mecánico industrial en Alemaña
Botóns no Frente de Xuventudes, tres anos antes de comezar a traballar no taller de motos Salaverry, na rúa Marqués de Valladares, onde tamén funcionaba unha autoescola.
Moncho encargábase dos recados, de botar gasolina e mesmo de inchar as rodas.
Despois pasou máis dun ano na fábrica de cervexas Cruz Blanca e, seguidamente, traballou entre cinco e seis meses na Tintorería La Ronda.
Plásticos de Galicia, en Pereiró, foi o seu seguinte destino laboral. Alí exerceu como mecánico durante catro anos.
Ao cumprir os 21, fixo o servizo militar no Goberno Militar, na rúa do Porto. No inverno purgaba radiadores e, no verán, facía de ordenanza na porta.
Nos primeiros anos da década dos sesenta solicitaron mecánicos para fábricas de armamento e, sen dubidalo, marchou a Alemaña, acreditando con documentación a súa profesionalidade.
Nese país, xa xubilado, leva residindo 61 anos. Atrás deixou en Galicia grandes amigos, como o inesquecible pianista Xoán d’Aldán, a quen coñecera no Hotel Bahía, e outras amizades da noite viguesa. Tampouco esquece a Paco Amoedo, que tiña un equipo de praia que xogaba en Samil.
Con 25 anos, Moncho emprendeu outra longa etapa da súa vida en Alemaña. Ao principio traballou durante un ano nunha fábrica de niquelados para bicicletas, avións e bonecas, vinculada á firma Margarete Steiff, antes de entrar na Bosch-Siemens.
Alí estreou a máquina máis grande de Europa para fabricar frigoríficos industriais.
Permaneceu na empresa durante 37 anos, desde a posta en funcionamento daquela máquina ata que foi retirada e trasladada a Turquía.
