Trátase dun creador de proxección internacional, con máis de medio século de traxectoria artística e impulsor do movemento NAS. A súa é unha pintura reflexiva e simbólica que transforma a realidade en pensamento e invita o espectador a unha fonda contemplación.
Diego de Giráldez naceu na Cañiza, nas terras da Paradanta, no ano 1959. Na actualidade conta cun museo dedicado á súa obra na súa vila natal, aínda que reside en Vigo.
Con apenas trece anos xa vendía retratos ao carbón e lembra que aos vinte tivo a oportunidade de coñecer a Salvador Dalí, un encontro que marcou a súa evolución artística.
A antiga Casa Cuartel da Garda Civil da Cañiza, situada na Praza Maior, acolle hoxe a Casa Museo Diego de Giráldez, que en 2023 foi visitada por Evelio Acevedo, xerente do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza. En Vigo, cidade na que reside, continúa pintando nunha buhardilla da rúa do Príncipe que foi estudo de Xosé Otero Abeledo "Laxeiro", o universal artista de Lalín do que este ano se cumpren xa tres décadas do seu pasamento.
Sobre Diego de Giráldez deixou escrito o que foi bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza: "Admiro a Diego de Giráldez como ser humano, como persoa sinxela e sabia que, como Sócrates, axuda a alumar a verdade no máis fondo do propio ser".
Tamén o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, contou recentemente co artista para a realización do cartel das Festas do Cocido, un novo recoñecemento á súa traxectoria e prestixio.
O Pazo de Mos, situado no corazón da parroquia de Santa Eulalia de Mos, ao que se accede polo empedrado Camiño da Rúa, xunto ao Albergue de Peregrinos, a igrexa parroquial e o histórico Pazo dos Marqueses, constitúe un marco privilexiado para acoller esta mostra.
Son moitas as razóns para non perder este destacado acontecemento cultural.
A exposición poderá visitarse do 24 de xullo ao 24 de setembro de 2026, no Pazo de Mos (Camiño da Rúa, 1). Durante os meses de xullo e agosto, abrirá de 14.00 a 18.00 horas e, no mes de setembro, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas.
