Érguese cedo. O artista é madrugador. Acostuma tomar o almorzo no Café Bagatela, preto do seu estudo, situado nunha bufarda da rúa Areal, á altura da Paellera. É o derradeiro refuxio de Diz, despois de que o anterior, situado na Finca de Matías, no Calvario, fose pasto das lapas.
Ao longo da súa dilatada traxectoria pasou por distintos estudos repartidos polo territorio vigués: nas rúas Escuelas Nieto, López de Neira, Urzáiz, Pizarro, Don Bosco, Camelias, Alcabre ou Teis, sen esquecer a súa etapa dourada en San Adrián de Cobres, na provincia de Pontevedra. Desde alí partía cada noite para perderse cos amigos entre espazos de lecer e tertulia.
Coincidiu co inesquecible Andrés do Barro no Topaz; con Rafael Amor no Rincón dos Artistas ou no Charango, onde escoitou en directo as cancións de Pablo Milanés, Joaquín Sabina, Luis Eduardo Aute, Javier Krahe, Pucho Boedo ou do seu amigo e irmán Suso Vaamonde.
De cativo, en Bembrive —terra olívica de fartura e dos seus célebres 137 canizos— convidábano a repicar as campás. Alí, onde os seus pais, Secundino Diz Prieto e Octavia Vázquez, rexentaban unha panadaría, naceu tamén a súa paixón pola música. Estudou piano e aprendeu a tocar diversos instrumentos que aínda conserva no seu estudo, hoxe ateigado de cadros ata o punto de non quedar espazo para un máis.
As harmónicas, porén, ocupan pouco. É un instrumento inseparable que o acompaña nas súas andainas por aquí e por alén do Miño, outra das súas grandes afeccións. Tamén nos Camiños de Santiago, dos que conserva numerosos certificados que acreditan a súa chegada á Berenguela e á Porta Santa.
Á hora do xantar baixa ao centro da cidade, ao que considera o seu segundo fogar: a Cafetería Nuevo Derby, rexentada por Eusebio Prado. Alí comparte mesa e mantel cos amigos e atopa inspiración para escribir poemas, entre eles este dedicado ao seu anfitrión:
Eusebio leva de nome,
Prado Fontao de apelidos;
de vocación, hostaleiro,
entre os fogóns e as viñas.Bate o mencía entre Muras,
nos bancais de Belesar,
onde maduran as uvas
antes de vendimar.Fontao é a súa marca,
coma fonte de viño que mana
do froito máxico da vide
na Ribeira de Chantada.Nace o mencía de autor
nun idílico paraxe;
nace coma un señor
nun espléndido paisaxe.
Un retrato do restaurador, ataviado coa capa da Irmandade dos Viños Galegos e asinado por Diz, preside a sala de xantar. Nas súas paredes poden contemplarse outras obras saídas do mesmo taller, unhas propiedade de Eusebio Prado e outras do propio pintor.
Diz chegou ao mundo en San Sebastián hai máis de oitenta anos, un 4 de febreiro, aínda que foi inscrito no Rexistro Civil de Crecente o día 9 dese mesmo mes. Fillo de Octavia Vázquez e Secundino Diz Prieto, panadeiro oriúndo das terras da Paradanta —ou quizais de Covelo—, mantivo sempre un vencello especial con ese territorio. Durante o mandato de Pepe Costas percorreu todas as parroquias do municipio de Covelo para inmortalizalas en acuarelas e, ademais, asumiu a restauración das pinturas policromadas do retablo de ánimas do cruceiro, obra do mestre Cerviño, o mesmo canteiro que tallou o famoso cruceiro do Hío.
Na tertulia, acompañado case sempre dun cubata, debuxa mentres conversa con uns e con outros. Entre os habituais está o editor Bieito Ledo, ourensán de Padroso, na Baixa Limia.
Xa na escola, mentres os demais rapaces xogaban no recreo, el prefería debuxar. Aos catorce anos ingresou como debuxante na Litografía Espinosa; máis tarde pasou á Artística e, pouco despois, ao taller de Artes Gráficas de Faro de Vigo, cando Manuel Cerezales ocupaba a dirección do xornal.
Naqueles anos frecuentaba a taberna de Elixio e o desaparecido Derby, onde compartía faladoiros con Álvaro Cunqueiro, José María Castroviejo, Urbano Lugrís, Santiago Montes, Lodeiro, Ángel Sevillano ou Xosé María Barreiro. Foi tamén daquela cando xurdiu a idea de organizar exposicións ao aire libre na Praza da Princesa, unha iniciativa que contou co apoio do alcalde Portanet.
Adicto ao tabaco e aos cubatas, Diz continúa sendo fiel á terraza do Nuevo Derby, aínda que cada vez con menos frecuencia. Os anos non pasan en balde e subir ou baixar os chanzos ata o terceiro andar da súa vivenda, fronte á Paellera de Vigo, xa non resulta tarefa doada.
