Agosto volverá converter Covelo nun dos grandes focos festivos e culturais da comarca, cunha programación repartida por varias parroquias que combinará festivais, romarías, festas patronais, música, tradición e actividades para todas as idades.
A programación abrirase do 1 ao 9 de agosto na parroquia do Piñeiro coa celebración da XXI edición do Festival Arte Aldea, unha cita xa consolidada arredor das artes escénicas e da cultura popular.
O festival desenvolverase no núcleo do Piñeiro de Areas e ofrecerá durante nove días unha ampla programación con recitais de poesía, concertos, sesións de DJ, actuacións como a do transformista cómico Humberto Longueira con Rianxeira, seráns tradicionais, proxeccións de curtametraxes, unha gran comida popular e numerosos obradoiros de ioga, cerámica, baile galego, tango e outras disciplinas.
A dirección e coordinación do encontro corre a cargo do Encontro Cultural ArteAlde, baixo a coordinación de Alberto García Tejedor.
Campo celebra a San Pedro, Santa Isabel e o Neno Xesús
A parroquia de Campo celebrará os días 8 e 9 de agosto as súas tradicionais festas na honra de San Pedro, Santa Isabel e o Neno Xesús, mantendo vivo o calendario festivo parroquial do municipio.
Maceira concentra dous dos grandes encontros do verán
A parroquia de Maceira vivirá un dos momentos máis intensos do mes cun dobre programa festivo. O 6 de agosto terá lugar a tradicional Festa dos Maiordomos, dedicada ao Divino Salvador, patrón da parroquia.
Xa os días 14 e 15 de agosto, Maceira celebrará as súas Festas e Romaría da Virxe da Guía, unha das citas máis singulares de Covelo.
A xornada do día 14 comezará cunha misa ás 12.30 horas na igrexa parroquial, acompañada dos tradicionais poxos e ofrendas e coa participación do grupo de gaitas Tía Isolina.
Pola noite, a praza de Maceira acollerá unha gran verbena coa actuación dos grupos Nevada e Amandy.
A procesión ao alto da Guía marcará o día grande
O 15 de agosto, día principal da romaría, celebrarase unha misa ás 10.00 horas na igrexa parroquial, seguida da tradicional procesión ata a Capela da Guía, situada no alto do mesmo nome, a uns 680 metros sobre o nivel do mar.
Ás 11.15 horas terá lugar unha misa na capela e, ás 12.15 horas, celebrarase a misa solemne, seguida dunha nova procesión acompañada polos gaiteiros Tía Isolina.
Un dos momentos máis esperados da xornada será, como marca a tradición, o baile das dúas imaxes da Virxe da Guía —a da igrexa parroquial e a da capela— ao son das gaitas. Este rito mantense como un dos principais sinais de identidade da romaría.
A celebración completarase con postos de comida, pulpeiro, bancos e mesas para os asistentes, convertendo a contorna da capela nun espazo de encontro e convivencia para veciñanza e visitantes.
Con esta programación, Covelo reafirma o seu compromiso coa cultura, a tradición e a dinamización das súas parroquias, consolidando agosto como o mes con maior actividade festiva do municipio e poñendo en valor a vitalidade do seu patrimonio cultural e das súas celebracións populares.
