O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, encabezaron hoxe, no Colexio de Fonseca da capital galega, o acto de inauguración da segunda edición da exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG) e a Asociación de Periodistas de Galicia (APG).
A mostra conta co apoio da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago e reúne fotografías realizadas por profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu labor en medios de comunicación de Galicia. Cada imaxe está acompañada por textos de corte literario ou informativo elaborados por membros da APG e outros xornalistas da comunidade, nun diálogo entre a forza visual da fotografía e a capacidade evocadora da palabra escrita.
Durante a inauguración, Alfonso Rueda destacou o valor técnico, profesional e artístico dos traballos expostos. O titular do Goberno galego afirmou que “o traballo que se reflicte nestas fotos é extraordinario”, xa que permite comprender mellor Galicia, empatizar máis coa súa realidade e achegarse ao país desde múltiples perspectivas.
Rueda puxo en valor a riqueza, a beleza, os matices e a creatividade de Galicia, así como o papel dos fotoxornalistas á hora de amosar esa diversidade a través das súas imaxes. Tamén se mostrou convencido de que esta segunda edición da exposición repetirá o éxito acadado pola anterior.
Pola súa banda, a reitora Rosa Crujeiras definiu a mostra como unha proposta singular que constrúe un retrato colectivo dunha Galicia que, en ocasións, permanece fóra dos focos máis habituais. Segundo sinalou, “A Galicia inédita” permite descubrir historias, emocións, paisaxes e realidades que forman parte da identidade común do país.
Crujeiras salientou ademais o talento profesional dos homes e mulleres que fan posible esta exposición, aos que cualificou como actores fundamentais na difusión do acontecer cotián de Galicia. A través do seu traballo, engadiu, documentan a historia que se vive cada día, axudan a comprender mellor a sociedade e contribúen á proxección exterior da cultura, das iniciativas e da diversidade galega.
No acto de apertura oficial participaron tamén a presidenta da APG, María Méndez; o delegado en Santiago da APFG, Óscar Corral; e o comisario da mostra, Fernando Blanco.
María Méndez agradeceu o apoio prestado pola Xunta de Galicia e pola USC para facer posible esta segunda edición dunha exposición que naceu co propósito de reivindicar un labor fundamental para conformar opinión, pero que moitas veces queda diluído pola intensidade da actualidade diaria.
A presidenta da APG lembrou que a mostra naceu con vocación bienal e itinerante polas principais cidades e vilas galegas. A primeira edición, tras pasar tamén pola casa da USC, percorreu oito cidades galegas e Madrid, cunha destacada acollida por parte do público e co respaldo de administracións locais e provinciais.
Pola súa parte, Óscar Corral subliñou a ampla participación nesta nova edición, na que están representados a maior parte dos profesionais galegos da prensa gráfica. Tamén reivindicou a profesionalidade do sector fronte ao intrusismo e destacou o impulso que a exposición supuxo para a constitución da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.
O comisario da mostra, Fernando Blanco, lembrou a orixe dun proxecto que xurdiu da unión de fotoxornalistas e xornalistas galegos e que conseguiu romper coa dinámica individualista que tradicionalmente marcou o sector. Ao seu xuízo, a exposición converteuse nun exemplo colectivo, pioneiro e aberto á sociedade.
As imaxes expostas recollen acontecementos, lugares e personaxes moi diversos, desde escenas de carácter costumista ou rural ata sucesos que marcaron a actualidade recente en Galicia. Tamén hai espazo para os sectores produtivos, os conflitos laborais, as manifestacións artísticas, festivas e culturais, a natureza e os fenómenos atmosféricos.
Con esta segunda edición, “A Galicia inédita” consolídase como unha mostra de referencia para poñer en valor o fotoxornalismo galego e para amosar, desde distintas miradas, unha Galicia real, diversa e profundamente humana.
