A derradeira leición do mestre, considerada unha das obras máis icónicas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, iniciou este luns a súa viaxe desde Bos Aires cara a Galicia para ser exhibida por primeira vez no Museo de Pontevedra. O lenzo, conservado habitualmente no Centro Galicia da capital arxentina, chegará a Galicia o vindeiro 17 de xuño e poderá visitarse entre o 25 de xuño e o 27 de setembro.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu ao proceso de descolgado e embalaxe da pintura na sede da entidade da diáspora galega, destacando a transcendencia histórica e emocional deste traslado.
“Hai obras que pertencen ao patrimonio dun museo e outras forman parte da alma dun pobo. A derradeira leición do mestre é unha delas”, afirmou Domínguez, quen cualificou a chegada do cadro a Pontevedra como “un acontecemento cultural extraordinario”.
O vicepresidente sinalou que esta exposición permitirá que a obra dialogue por primeira vez coa colección do Museo de Pontevedra, institución que conserva unha das coleccións máis importantes relacionadas coa figura e o legado de Castelao.
“Este non é só un acontecemento cultural, senón a culminación dun anhelo compartido por moitas persoas que entendemos que Castelao ocupa un lugar central na nosa identidade galega”, asegurou.
O traslado da obra realizarase baixo estritas medidas de seguridade e conservación. O lenzo viaxará inicialmente por avión ata Alemaña e posteriormente por estrada ata Galicia, acompañado en todo momento por un técnico do Centro Galicia de Bos Aires e por unha empresa especializada no transporte internacional de obras de arte.
Pintada en 1945, A derradeira leición do mestre é unha das creacións máis coñecidas de Castelao e constitúe unha poderosa alegoría da represión sufrida durante a Guerra Civil. A obra reproduce a estampa número seis do álbum Galicia mártir e representa o corpo sen vida dun mestre fusilado diante de dous nenos, nunha escena inspirada na figura de Alexandre Bóveda, símbolo do galeguismo e amigo persoal do artista.
A exposición coincidirá coa conmemoración do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil, do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 e do asasinato de Bóveda, reforzando así o seu valor histórico e simbólico.
A mostra estará acompañada por outras pezas fundamentais para comprender o contexto da obra, entre elas o debuxo orixinal no que se baseou Castelao, o manuscrito Co pensamento en Galiza, unha primeira edición de Sempre en Galiza e documentación gráfica da presentación do cadro en Bos Aires en 1945.
Ademais, o Museo de Pontevedra organizará durante todo o verán un amplo programa de actividades paralelas que incluirá visitas guiadas, obradoiros infantís, conferencias, concertos e un seminario especializado arredor dunha das obras fundamentais para entender a historia cultural e política da Galicia do século XX.
