jueves. 06.10.2022

O Monte Aloia eliminou plantas exóticas invasoras e deseñou e colocou sinais sensibilizadoras sobre o patrimonio natural e a biodiversidade e de servizo

A Xunta de Galicia destinou nos últimos 3 anos máis de 500.000 euros a executar e planificar diferentes actuacións co obxectivo común de protexer e poñer en valor o Parque Natural do Monte Aloia. Esta foi unha das conclusións que se expuxo durante a última reunión da xunta reitora deste espazo natural, convocada para facer balance da xestión realizada nos 2 anos anteriores.
Xunta Reitora do Monte Aloia.
Xunta Reitora do Monte Aloia.

A Xunta de Galicia destinou nos últimos 3 anos máis de 500.000 euros a executar e planificar diferentes actuacións co obxectivo común de protexer e poñer en valor o Parque Natural do Monte Aloia. Esta foi unha das conclusións que se expuxo durante a última reunión da xunta reitora deste espazo natural, convocada para facer balance da xestión realizada nos 2 anos anteriores.

Tras lembrar que o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Monte Aloia foi aprobado a comezos de 2020, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou que desde entón a Consellería executou importantes investimentos nesta zona, moi por riba incluso dos 100.000 euros anuais comprometidos no propio instrumento reitor.

En concreto, a xunta reitora foi informada de que durante o ano 2020 se realizaron actuacións por un importe global de case 154.000 euros e que en 2021 os investimentos executados ascenderon a máis de 183.000 euros.

Estas contías destináronse a diferentes tipos de actuacións, estudos e servizos dirixidos a manter e poñer en valor o Monte Aloia. Entre elas, cómpre mencionar as actuacións de control e eliminación de plantas exóticas invasoras en zonas concretas do parque, o deseño e colocación de sinais sensibilizadoras sobre o patrimonio natural e a biodiversidade presentes nesta zona ou o servizo de atención aos visitantes.

Tamén no eido divulgativo deseñáronse e executáronse campañas para a promoción do turismo de natureza, con accións de educación ambiental ou de voluntariado no marco do programa interxeneracional impulsado xunto coa Dirección Xeral de Xuventude.  Ademais, púxose en valor a senda botánica do Parque Natural e acometéronse varias obras para mellorar a rede de pistas, así como labores de limpeza e desbroce.

En canto ás actuacións actualmente en curso e aínda que tal e como matizou a directora xeral son cifras “provisionais” a falta de que remate o exercicio, a Consellería ten comprometidas actuacións e medidas por 223.000 euros a executar en todo 2022, un dato que reflicte a mesma tendencia investidora que nas dúas anualidades anteriores.

O tipo de intervencións que se están a realizar, algunhas delas especificamente dirixidas ao Monte Aloia e outras froito de contratos compartidos para todos os parques naturais, inclúen traballos de mantemento, eliminación de invasoras e servizos relacionados coa xestión forestal deste espazo.

O Monte Aloia é o parque natural galego máis antigo, xa que foi declarado en 1978. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, no concello de Tui, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro, polo que resulta un destino moi interesante para os visitantes que busquen gozar da natureza e das actividades ao aire libre.

O Monte Aloia eliminou plantas exóticas invasoras e deseñou e colocou sinais...
Comentarios