sábado. 05.10.2024

A Consellería do Medio Rural, a través da súa liña de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios na convocatoria de 2020, apoiou con preto de 430.00 euros á láctea Innolact para poñer en marcha unha planta de produción de enerxía a partir dos residuos xerados pola industria mediante a súa transformación en biogás e para impulsar melloras tecnolóxicas nas súas instalacións do polígono de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a empresa, que realizou investimentos por valor de case 1,6 millóns de euros. Os proxectos desenvolvidos incluíron melloras asociadas á automatización de procesos de produción, co obxectivo de incrementar a competitividade e a produtividade da compañía e a redución de custos.

Arias destacou o “forte carácter emprendedor” de Innolact, unha firma de base tecnolóxica xurdida no ano 2007 da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A súa actividade principal é a produción e comercialización de queixo branco pasteurizado e queixos fundidos procedentes do leite e de coprodutos da industria láctea tales como a nata e a mazada.

O delegado sinalou á empresa de Castro como “un referente de innovación”, cunhas 60 persoas traballadoras das que o 20% está no departamento de I+D+i, “impulsando así a investigación e o desenvolvemento para presentar novos produtos que axudan a darlle valor engadido á produción primaria das nosas granxas”.

Arias apuntou tamén que Innolact é “un exemplo da estratexia desenvolvida pola Xunta, que sitúa a innovación como un dos eixos principais da mellora competitiva e a internacionalización das empresas”. Nesa liña, salientou que a firma xa exporta o 50% dos seus produtos a máis de 30 países de todo o mundo, con presenza en mercados moi variados de Europa, Estados Unidos, Sudamérica, África ou Asia.

A empresa comercializa en supermercados e hipermercados, pero sobre todo a través de distribuidores especializados, grupos hoteleiros e de restauración. No segmento industrial, os seus clientes son as compañías produtoras de repostería e pratos precociñados, ás que lles subministra os seus produtos para a súa utilización nos procesos de elaboración e fabricación.

A Consellería do Medio Rural ten colaborado con Innolact para contribuír á ampliación e modernización das súas instalacións a través da liña de achegas para a transformación e comercialización de produtos agrarios dos últimos anos. Así, a maiores das últimas axudas, desde 2016 a Xunta achegou á empresa algo máis de 1.700.000 euros no marco deste programa, para mobilizar investimentos por máis de 4 millóns de euros.

Innolact impulsa melloras tecnolóxicas e pon en marcha unha planta que transformará os...