miércoles. 26.11.2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe no tradicional almorzo anual organizado polos socios da Cooperativa Vitivinícola Arousana, un encontro que este ano coincidiu coa celebración do vixésimo aniversario da bodega Paco & Lola e coa finalización da campaña de vendima. Acompañada pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, a conselleira puxo en valor a contribución desta bodega da Denominación de Orixe Rías Baixas ao desenvolvemento e consolidación do sector vitivinícola galego.

Gómez destacou o modelo cooperativo como exemplo de profesionalización, cohesión territorial e aposta pola calidade, sinalando que Paco & Lola se ten convertido nun referente dentro e fóra de Galicia. “A súa traxectoria confirma o potencial do noso viñedo e o compromiso dos produtores galegos coa excelencia”, subliñou a titular de Medio Rural.

Un referente dentro da DO Rías Baixas

Paco & Lola conta actualmente con máis de 430 socios e 274 hectáreas de viñedo, sendo a cooperativa con maior representación na DO Rías Baixas. A súa produc­ción anual rolda os 2 millóns de botellas e 1,5 millóns de litros de viño, cifras que a sitúan entre as adegas de referencia da denominación.

A campaña de vendima deste ano deixou datos moi positivos para o sector: a DO Rías Baixas colleitou algo máis de 47,5 millóns de quilos de uva, dentro do conxunto das cinco denominacións galegas, que acadaron preto de 78,9 millóns de quilos en total.

A conselleira felicitou aos viticultores polo seu esforzo e pola calidade da colleita, destacando que o traballo conxunto entre administración e sector continuará sendo clave para impulsar a competitividade do viño galego nos mercados nacionais e internacionais.

A conselleira do Medio Rural destaca o papel de Paco & Lola no 20º aniversario da...
Comentarios