viernes. 17.05.2024

O Servizo Galego de Saúde xa está a superar a media do 60% de presencialidade nas súas consultas. Así, consegue adiantar en preto de mes e medio, o prazo establecido como primeiro obxectivo, que se debía acadar antes de chegar ao remate do ano 2021.

Ademais, o Sergas continúa a avanzar no proceso de recuperar á normalidade asistencial, ao acadar que o 87% das consultas solicitadas pola poboación galega sexan atendidas en menos de catro días.

Así mesmo, na área sanitaria da Coruña e Cee o 85% das solicitudes son atendidas antes dos dous días e, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, o 92% das citas médicas tamén teñen lugar antes deste prazo.

Co obxectivo de seguir a mellorar a calidade asistencial no ámbito sanitario máis próximo á cidadanía, Sanidade continúa a executar os acordos e os compromisos establecidos no Plan definido para a atención primaria. Nesta liña, antes do verán incorporáronse as súas prazas 254 médicos de familia, 93 pediatras de atención primaria, 30 enfermeiras especialistas en medicina familiar e comunitaria, 126 PSX e 7 odontólogos de atención primaria.

Con todo, e ante a necesidade de contar cun maior número de facultativos, o Executivo galego segue a insistir na necesidade de modificar o sistema de acreditación das unidades de formación e do persoal que exercerá de titor dos novos médicos. Neste senso, recentemente remitiu ao Goberno de España 20 propostas coa intención de flexibilizar o proceso para contar con máis unidades docentes e, polo tanto, máis profesionais en formación.

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia reiteroulle ao Ministerio de Sanidade a necesidade de convocar un MIR extraordinario ou, cando menos un MIR máis dotado. Esta limitación, sumada á rixidez do modelo de formación, provocou que nalgún exercicio a Administración galega non puidera ofertar a totalidade das prazas. Con todo, tanto no ano 2020 como no 2021, conseguiu ofertar o 100% das prazas acreditadas.

Ademais, destaca o importante incremento que se produciu na media de profesionais que exercen o seu labor na atención primaria galega en comparación co ano 2008. Así, durante ese ano a media diaria de profesionais na atención primaria era de 8.692; o que reflicte 584 menos das 9.286 persoas que, na actualidade, desempeñan o seu labor diariamente no Sergas.

Así mesmo, durante o presente ano 2021, a Xunta dotou con 161 novas prazas o sistema sanitario público galego. En concreto, con 39 novos médicos de familia, 10 Pediatras, 67 prazas de persoal de enfermería familiar e comunitaria, 21 de Fisioterapia, 2 de persoal de Farmacia, 13 matronas e 9 de persoal de Traballo social.

INVESTIMENTOS

Desde o inicio da presente lexislatura, o Executivo galego continúa a apostar pola mellora e optimización das infraestruturas e o equipamento dos centros de atención primaria. Así, no transcurso dos últimos meses culmináronse as obras dos centros de saúde do Milladoiro, A Estrada, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Melide, Narón, O Saviñao ou Bouzas (Vigo).

Ademais, tamén se completaron as reformas dos centros de saúde de Ortigueira, As Pontes, Ribeira, Mugardos, Cambados, Covelo, Cenlle, Mondariz-Balneario ou Bertamiráns.

Na actualidade, estanse a executar as obras dos novos Centros Integrais de Saúde de Lugo e Lalín, co que se mellorará a calidade asistencial da poboación destas localidades e as súas comarcas. Ademais, xa están licitadas as obras de ampliación do centro de saúde do Porriño e de reforma dos de Arnoia e Ribadavia; e adxudicáronse os proxectos do novo CIS Olimpia Valencia, Antas de Ulla e o CIS de Ourense.

Engadido ao anterior, a Xunta de Galicia asinou recentemente os convenios cos concellos da Rúa e Abegondo, e os protocolos son Soutomaior e Vilagarcía, para iniciar os proxectos dos seus novos centros de saúde, ademais dun convenio para financiar o novo centro de saúde de Santa Lucía na Coruña.

O Servizo Galego de Saúde supera a media do 60% de presencialidade