miércoles. 05.11.2025

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Fundación Barrié veñen de anunciar a segunda edición dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, creados o pasado ano co obxectivo de recoñecer o traballo investigador de máis alto nivel desenvolvido en Galicia.

Os galardóns distinguirán tres áreas de coñecemento —Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais— cunha dotación de 5.000 euros por cada premio. Ademais, en cada categoría poderá concederse un accésit (dous no caso da rama de Ciencias Básicas).

Segundo as bases da convocatoria, poderán optar aos premios todas as persoas investigadoras que presenten traballos realizados total ou parcialmente en universidades ou centros de investigación de Galicia. As investigacións deberán corresponderse con algunha das áreas temáticas das seccións da RAGC: Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Química e Xeoloxía; Bioloxía e Ciencias da Saúde; Ciencias Técnicas; ou Ciencias Económicas e Sociais.

Cada solicitante poderá presentar un único traballo, que debe estar publicado ou aceptado para publicación en revistas de difusión internacional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2024.

O prazo para presentar candidaturas remata o 12 de decembro de 2025, a través do formulario electrónico dispoñible na web da RAGC (www.ragc.gal). As propostas deberán incluír unha descrición do traballo, salientando a súa orixinalidade e relevancia científica.

O xurado estará integrado pola presidencia da RAGC e polas presidencias das súas cinco seccións —ou persoas nas que estas deleguen—. As persoas galardoadas recibirán os seus premios nun acto institucional a comezos de 2026, coincidindo coa apertura do curso da Real Academia Galega de Ciencias.

A RAGC e a Fundación Barrié convocan a segunda edición dos Premios de Investigación...
Comentarios