O Porriño volveu a converterse nun referente da moda local coa celebración da terceira edición da súa Fashion Weekend. A fin de semana estivo marcada por unha completa programación que dinamizou a vila e contou cunha resposta moi positiva tanto da veciñanza como do tecido comercial.
A actividade comezou o venres coa Shopping Night, onde os comercios do Porriño mantiveron as súas portas abertas ata a medianoite, ofrecendo descontos e agasallos nun ambiente animado por seis DJs. Como novidade, unha festa infantil previa congregou a numerosas familias. A xornada rexistrou unha importante afluencia de público e unha boa acollida por parte de comerciantes e clientes.
O sábado pola mañá, a praza Antonio Palacios acolleu unha sesión vermú musical a cargo de Xinetes do Trópico, creando un ambiente festivo e relaxado que atraeu a un amplo público. Esta iniciativa buscaba integrar diferentes públicos e momentos do día no evento, unindo cultura e comercio.
O desfile central da Fashion Weekend foi o prato forte da tarde do sábado. Un total de 28 comercios e 8 salóns de beleza do Porriño presentaron as súas propostas en moda, calzado, xoiería, complementos, maquillaxe e peiteado nunha pasarela conducida pola xornalista Lucía Rodríguez. A escola Small Big Models colaborou de novo co evento. O público encheu a praza para seguir o desfile e as actuacións de Erika Lewis, o saxofonista Diego Caride e Pablo Méndez.
Durante a fin de semana, sorteáronse cinco cestas de produtos gourmet entre os clientes dos comercios participantes. Os números premiados están dispoñibles nas redes sociais do Concello e na web oporrino.org, e os premios poderán recollerse a partir do luns nas oficinas municipais.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a Fashion Weekend como "unha mostra de como O Porriño sabe reinventarse e poñer en valor o que é propio: o seu comercio, o seu talento e a súa capacidade de atraer e sorprender". Subliñou a importancia destes eventos para "construír vila, fortalecer a identidade local e seguir facendo do Porriño un lugar onde vivir e mercar con orgullo".
A concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, agradeceu "o esforzo dos comerciantes e dos profesionais participantes, que fixeron posible que a moda e a creatividade local ocupasen o lugar que merecen na nosa vila".
A III Fashion Weekend do Porriño culmina así unha edición que consolida o seu crecemento e reafirma o papel esencial do comercio local como motor de dinamización e cohesión social na localidade.
