A colección “Oxígeno”, da deseñadora Marta Pereira, de Tomiño, proclamouse vencedora da final do VI Desfilamos, celebrada esta fin de semana no Pazo de Mos coincidindo coa XVIII Xuntanza de Palilleiras. A proposta foi, ademais, distinguida co Premio do Público, converténdose na gran triunfadora dunha cita que reuniu a máis de 420 palilleiras pertencentes a 35 asociacións de toda Galicia.
Inspirada na natureza e na chegada da primavera, “Oxígeno” presentou tres deseños que capturan a beleza natural a través de detalles florais en tecidos, aplicacións de encaixe e puntillas artesanais. A colección combina tradición, artesanía e innovación, poñendo en valor o traballo manual desde unha mirada contemporánea.
O segundo premio foi para “Perlas do Mar”, do santiagués Nicolás Liste, unha colección de streetwear que reinterpreta o ideal de beleza de O nacemento de Venus, de Botticelli, desde a identidade galega. A proposta fusiona tradición e vangarda mediante o uso de elementos como o encaixe e a resina.
O terceiro posto recaeu en “Mitra”, de Estefanía e Pedro Orgaz, de Culleredo. A colección propón unha reinterpretación dun dos personaxes máis emblemáticos do Entroido galego, o Peliqueiro, cunha aposta na que destacan a artesanía e os bordados feitos á man.
Ademais, “As Viúvas dos Vivos”, de Adriana Alonso, recibiu o Premio Especial das Palilleiras, un dos recoñecementos máis significativos da xornada. Tamén cómpre salientar que o Premio das Influencers, entregado no desfile do sábado, foi para Xelis Luaces, de Muxía. Entre as influencers presentes atopábanse Diana Nogueira, Belén Gómez, Carmen Pardo e Raquel Atanes.
Máis de 420 palilleiras no Pazo de Mos
A final de Desfilamos celebrouse no marco da XVIII Xuntanza de Palilleiras de Mos, unha cita xa consolidada no calendario artesanal galego. O encontro reuniu no Pazo de Mos a participantes procedentes de 35 asociacións de toda Galicia, que compartiron experiencias, coñecementos e a paixón pola arte do encaixe.
A programación incluíu tamén un dos momentos máis emotivos da xornada coa homenaxe a Rosario González García, veciña de Mos, distinguida como a palilleira máis veterana en recoñecemento a toda unha vida dedicada á conservación e transmisión desta tradición artesanal.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou o éxito dunha edición que volveu converter o municipio nun referente da artesanía galega. A rexedora agradeceu a participación das asociacións, colaboradoras e asistentes, e puxo en valor o traballo das palilleiras e a importancia de preservar un patrimonio cultural que continúa vivo xeración tras xeración.
Arévalo anunciou tamén que, como xa fixo este ano, elixirá un dos deseños da colección gañadora para lucilo o próximo ano na Festa da Rosa.
A Xuntanza de Palilleiras de Mos reafirma así o seu papel como espazo de encontro, convivencia e promoción dunha das tradicións artesanais máis representativas de Galicia, combinando o respecto polo legado das xeracións anteriores coa creatividade e a innovación das novas propostas.
Ademais, a exposición “Luís Seoane”, mostra de Ana Rosa Lista que achega ao público a figura e o legado dun dos grandes referentes da arte galega do século XX, permanecerá aberta no Pazo de Mos ata o 20 de xullo. A proposta establece unha ponte entre a creación artística e a artesanía tradicional.
