lunes. 03.11.2025

 A quinta edición do Concurso de Novos Deseñadores DesfilaMos, organizado pola Asociación de Palilleiras de Mos coa colaboración do Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través da Fundación Pública de Artesanía de Galicia, celebrarase este sábado, 28 de xuño, a partir das 21:00 horas nos xardíns do Pazo de Mos.

Este ano, as persoas interesadas en asistir como público poden reservar cadeira e recibir unha invitación personalizada para gozar do desfile en primeira fila, inscribíndose na seguinte ligazón: https://forms.gle/jAwHHnhhozW1HYrX8.


Unha plataforma para o talento emerxente e consolidado

Nesta edición, 10 coleccións de 12 deseñadores noveis competirán por premios que buscan recoñecer e apoiar o seu traballo:

  • 1º premio: 600 euros + exposición da colección completa.
  • 2º premio: 300 euros + exposición da colección completa.
  • 3º premio: 150 euros + exposición da colección completa.
  • Premio especial do público: 100 euros + exposición dun estilismo a escoller.

Cada participante presentará unha colección de tres deseños, dos cales dous deberán incorporar obrigatoriamente encaixe artesán. A temática é libre, abarcando tanto moda masculina como feminina.

Ademais dos deseños locais, o evento contará coa participación de creadores e empresas consolidadas procedentes de Polonia, Portugal (Peniche), Bulgaria ou Arxentina, achegando unha dimensión internacional ao certame.


Un fin de semana dedicado á artesanía e a moda

A xornada do sábado desvelará os nomes dos finalistas e o gañador do premio especial do público. Será o domingo, durante a XVII Xuntanza de Palilleir@s e Labores de Mos, que terá lugar ao longo de todo o día no Pazo de Mos, cando se coñezan os gañadores do concurso na final, que comezará ás 17:00 horas. A xuntanza do domingo xa confirmou a participación de preto de 430 palilleiras.

Antes de todo isto, o venres 27 de xuño, ás 21:00 horas, inaugurarase no Pazo de Mos unha exposición que amosará os traballos das Palilleiras de Mos, así como obras de Malgorzata Szpila, de Polonia. A esta exposición uniranse posteriormente, ata o 25 de xullo, as coleccións dos gañadores do certame e o estilismo do premio especial do público.

DesfilaMos naceu co obxectivo de ser un evento que fusione artesanía, moda e o talento de novos deseñadores, promovendo o encaixe de palillos e, ao mesmo tempo, apoiando a cultura e dinamizando o Camiño Portugués ao seu paso por Mos.

Mos prepárase para a V edición do Concurso de Novos Deseñadores DesfilaMos, fusionando...
Comentarios