viernes. 29.03.2024

O mes de xaneiro en Galicia pechouse como un período máis seco da última década, con máis de vinte xornadas anticiclónicas continuadas. Esta é unha das principais conclusións que recolle o Informe climatolóxico mensual, elaborado por MeteoGalicia e presentado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola meteoróloga Ana Lage.

Tal e como explicou Vázquez Mejuto, o primeiro mes do ano resultou moito máis seco do agardado a principios de mes, cando as borrascas aínda circulaban preto de Galicia. Non obstante, na xornada 10 comezaron a entrar as altas presións dende o sur, que quedaron instaladas ao norte da península Ibérica e persistiron -sen apenas variacións- ata final de mes, impedindo a chegada de borrasca do Atlántico, é dicir, as chuvias.

Esta situación anticiclónica deixou unha temperatura media -para o conxunto de estacións que compoñen a serie rexional- de 8,4 ºC, é dicir, 0,4 ºC máis respecto da media 1981-2010, polo que “esta diferenza positiva permite considerar o primeiro mes do ano como cálido”, aclarou Vázquez Mejuto, quen indicou que un precedente similar atópase no mes de xaneiro de 2012.

A conselleira tamén destacou “os amplos contrates térmicos día/noite”, sobre todo nas zonas interiores da Comunidade, como Xinzo de Limia ou Verín, onde se acadaron temperaturas por debaixo dos -10 ºC e nas horas centrais do día acadaron valores próximos aos 15 ºC.

PRECIPITACIÓNS

Ángeles Vázquez sinalou que as chuvias no mes de xaneiro estiveron un 64% por debaixo do valor climático normal, tal e como se extrae dos rexistros de precipitación das dezaseis estacións meteorolóxicas representativas. Á vista deste descenso, xaneiro considérase moi seco e hai que botar a vista aos primeiros meses de 2017 (-62%) e de 2012 (-68%) para atopar un precedente similar.

Así, a media acumulada de chuvia en Galicia para xaneiro foi de 58 L/m2 e destaca o contraste entre a zona oeste de Galicia (con valores locais de 130 L/m2) e varias comarcas da provincia de Ourense, onde se rexistraron os valores máis baixos de precipitación -unha media de 15 L/m2-, incluso nalgunha localidade da comarca de Valdeorras non se chegou aos 5 L/m2.

Por último, engadiu que este contraste tamén é manifesto nos días de chuvia rexistrados nas cidades galegas. A modo de exemplo, explicou que en Ourense se contabilizaron tres xornadas de chuvia, cando o valor climático habitual son 11, fronte ás 8 de Pontevedra, sendo 15 a media climática.

METEOGALICIA

A conselleira de Medio Ambiente salientou que MeteoGalicia é un organismo referente climatolóxico e científico, a nivel nacional e europeo.

Destacou que desde a súa posta en marcha -no ano 2000- experimentou unha evolución constante, non só coa ampliación e mellora da rede de observación meteorolóxica galega -con 157 estacións de rexistro e 1.104 sensores repartidos por todo o territorio- senón tamén pola información meteorolóxica que ofrece á sociedade.

Nese sentido, avanzou que -nas vindeiras semanas- MeteoGalicia presentará o seu novo modelo de predición, co que facilitará información sobre a previsión do tempo, as precipitacións, a temperatura ou o vento nunha escala de resolución dun quilómetro.

Xaneiro remata como o mes máis seco da última década