martes. 07.05.2024

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou este venres a apertura de licitación por 4,6 millóns de euros (IVE engadido) do subministro para a posta en marcha da iniciativa 'Vigo edificios intelixentes. Unha cidade para as persoas. accesible, eficiente e comprometida', a través da convocatoria de Red.es (entidade do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital) que publicou onte o Boletín Oficial do Estado.

José Miñones avanzou que, grazas a esta iniciativa, que financia o Goberno de España nun 80% e o Concello no 20% restante, Vigo situarase na vangarda das cidades españolas. “Falamos dun investimento que reflicte a aposta decidida do Goberno pola transformación das cidades en territorios e destinos intelixentes, máis competitivos, verdes e eficientes”, engadiu.

Co obxectivo de facer de Vigo unha cidade intelixente, este proxecto convertirá 172 edificios repartidos por todos os barrios en nodos intelixentes capaces de medir diferentes variables: ambientais, de satisfacción global, de seguridade ou de calidade de vida. Estes datos serán comunicados á plataforma Vigo Smart City coa finalidade de producir fluxos de información que melloren os servizos públicos e o seu alcance e eficacia.

O prazo de recepción de ofertas para os subministro deste proxecto estará aberto ata o 22 de xaneiro de 2022 e a apertura de ofertas realizarase o día 5 de abril de 2022. O contrato terá unha duración de 20 meses.

O delegado do Goberno indicou que, xunto con Vigo, o Ministerio de Asuntos  Económicos impulsará proxectos piloto similares noutras sete cidades españolas, entre as que está tamén A Coruña. As oito cidades foron seleccionadas na convocatoria de “Proxectos Pilotos de Edificios Intelixentes”. Con estes proxectos pilotos, poderase obter información real da aplicación das tecnoloxías á mellora da calidade de vida e da xestion dun edificio.

PLAN NACIONAL

O Plan Nacional de Territorios Intelixentes ten un obxectivo dobre, por unha banda, apoiar ás entidades locais no seu proceso de transformación cara a cidades e destinos turísticos intelixentes, impulsando unha implementación óptima dos recursos TIC na redefinición dos servizos públicos, e por outro, fomentar a consolidación dun sector tecnolóxico provedor de solucións Smart City.

Este plan leva mobilizados ata o momento máis de 200 millóns de euros en toda España sumando as distintas convocatorias de Cidades Intelixentes, Edificios Intelixentes e Destinos Turísticos Intelixentes.  

Un proxecto convertirá a 172 edificios de Vigo en nodos intelixentes