sábado. 20.04.2024

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Parlamento galego a importancia do proxecto da Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ao tratarse dunha norma pioneira que aspira a mellorar a proxección de Galicia a través da coordinación da acción exterior galega. Ademais, sinalou que contribuirá a reforzar a imaxe exterior da comunidade a través da marca Galicia e facendo especial fincapé no Camiño de Santiago mediante actividades de promoción coas que dar a coñecer a comunidade como destino turístico.

Así o explicou hoxe no pleno sobre o debate de totalidade do proxecto desta norma, que comeza hoxe a súa tramitación parlamentaria despois dun proceso de elaboración no que participaron os sectores máis representativos aos que vai dirixida e coa intención de manter o consenso acadado durante todo o proceso. Así, xa ten recibido o visto bo do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación; e conta co informe favorable do Consello Galego de Acción Exterior e, por unanimidade, do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

O titular da Vicepresidencia primeira incidiu en que é unha Lei que “defende Galicia dende a lealdade, respecta o principio de unidade de acción no exterior que deben guiar a acción exterior das Comunidades Autónomas, polo que dende o Goberno galego defenderemos a acción de Galicia no exterior sempre desde a lealdade, porque sen lealdade non hai cooperación, non hai coordinación co Goberno Central e non ten sentido a acción exterior de Galicia”.

Na súa intervención, Alfonso Rueda resaltou que a Xunta dá resposta aos novos retos internacionais nun mundo cada vez máis globalizado a través dunha regulación actualizada. Máis polo miúdo, detallou que o anteproxecto pretende tamén regular a participación galega na negociación de tratados internacionais, mellorar a atención dos galegos no exterior; consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a súa proxección nos países da lusofonía, e dotar a Galicia de maior protagonismo na cooperación para o desenvolvemento.

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén fixo aclarou que, se trata dunha lei transversal que regula accións sectoriais en diversos ámbitos e que constituirá un marco xeral para proxectar a imaxe de Galicia e captar investimento e que aposta pola solidariedade avogando polo cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento.

Ademais, velará polos dereitos dos galegos no exterior e en facilitar o seu retorno a Galicia. Deste xeito, crearanse novas figuras novidosas para mellorar a atención á diáspora galega, como o Asento de galegos no exterior con apoio nas xestións a distancia aos residentes no exterior; ou o Asento de empresas e profesionais galegos para colaborar e aproveitar oportunidades de negocio. Tamén se propón regular o Rexistro de foráneos con intereses en Galicia, que incluirá persoas cun especial vínculo con Galicia.

Entre as actuacións previstas destacou a necesidade de defender os intereses no mar no exterior, cunha política activa de acordos da UE con terceiros estados non membros para o aprovisionamento de produtos do mar e estimular acordos con estados non membros da UE para o acceso ás súas aguas. Tamén apelou á importancia da xestión dos fondos da UE a prol de Galicia, así como, no eido económico, avaliar a implantación de medidas coas que mellorar a atracción de capital foráneo e promover a I+D+i.

Proxección exterior da marca Galicia