domingo. 13.10.2024

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta tarde xunto a membros do seu equipo unha reunión por videoconferencia cos representantes en Galicia da Alianza Pesqueira Europea (EUFA), Jesús Lourido e Iván López, co obxectivo de analizar en detalle o acordo sobre o brexit en materia pesqueira e ver o impacto que este pode ter na frota galega. As partes constataron, tras unha análise preliminar do acordo publicado na web da Comisión Europea, que supón un duro golpe para o sector ao reducir as súas posibilidades de pesca ata 2026, momento no que haberá unha nova negociación co Reino Unido para definir a relación nos seguintes anos.

Tanto o Executivo galego como os representantes do sector -aos integrantes de EUFA sumaranse nos vindeiros días os responsables doutras entidades pesqueiras co obxectivo de coñecer as impresións dos distintos segmentos de frota- consideran que a lectura realizada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre o acordo é demasiado triunfalista, pouco realista e moi curtopracista en relación co resultado acadado de acordo coas primeira análises realizadas ata o momento.

Neste sentido, Galicia entende que a interpretación que fai o Goberno do Estado do acordo sobre o brexit é semellante á que podería darse trala conclusión dun Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea centrado nos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas, no que o mal resultado obtido un ano pode mellorarse ao seguinte. Non obstante, lembra o Executivo galego, neste caso o acordo estará vixente durante cinco anos e medio e todo aquilo que se perde agora non se poderá recuperar no futuro, polo que as súas consecuencias son máis devastadoras.

Ante esta situación, tanto a Xunta como os representantes da frota coincidiron na necesidade de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convoque o antes posible ás comunidades autónomas con intereses pesqueiros e aos responsables das entidades pesqueiras afectadas para explicar en detalle o acordo así como o xeito en que se aplicará a curto, medio e longo prazo.

Nesta liña, a titular de Mar trasladou o seu compromiso de traballar da man do sector para tratar de paliar os efectos do acordo e defender os seus intereses ante todas a institucións e autoridades, tanto españolas como comunitarias. Con ese obxectivo, nos vindeiros días manterá novos contactos cos representantes da frota para seguir avaliando minuciosamente o acordo e coñecer a incidencia que pode ter no desenvolvemento da actividade extractiva galega nos distintos eidos.

O Executivo galego lembra que o impacto do acordo sobre o brexit en materia pesqueira se suma ao mal resultado acadado no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da semana pasada, no que se fixaron os TAC e cotas de 2021 e que supuxo importantes recortes nalgunhas especies de interese para a frota galega do caladoiro Cantábrico-Noroeste. A repercusión desas rebaixas foi cuantificada pola comunidade en arredor de 26 millóns de euros para o conxunto da economía galega, unha cifra á que habería que sumar agora a derivada das perdas de cotas en Gran Sol ata 2026 como consecuencia do brexit. 

O brexit, un duro golpe para o sector pesqueiro