sábado. 14.12.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, fixo entrega esta tarde do Premio José Luis Alvite 2021 a Marina Mayoral, nun acto celebrado no auditorio Pascual Veigade Mondoñedo, localidade natal da galardoada.

Marina Mayoral durante su intervención, al recoger el premio José Luis Alvite que otorga la Asociación de Periodistas de Galicia.

Nesta sexta edición, o premio -instituido pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) en 2016-, foi outorgado por unanimidade a Marina Mayoral, catedrática emérita de Literatura Española, escritora recoñecida e veterana columnista, que publica regularmente os seus artigos nun xornal galego. Neles reflicte a súa visión de asuntos de actualidade, a través dunha análise polo miúdo na que adoita estar presente a perspectiva feminina, que caracteriza a meirande parte da súa obra como creadora e investigadora.

Mayoral é académica de honra da Real Academia Galega desde o ano 2017. Ademais dos seus ensaios e novelas, traducidas ao alemán, italiano, portugués, catalán, polaco, inglés e chinés, na súa obra sobresaen os seus contos, publicados nas mellores antoloxías en lingua española e noutras, en inglés e alemán.

Entre o centenar de traballos de investigación realizados por Mayoral destacan as súas obras sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, a análise da poesía e prosa contemporáneas, así como os estudos sobre a problemática da escritura feminina ao longo da historia.

El conselleiro de Educación, Román Rodríguez, entrega el premio a Marina Mayoral.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, gabou a brillante traxectoria da premiada como docente, escritora, académica, investigadora e xornalista. “Temos a sorte de vivir nun país”, afirmou, “no que abonda o talento e as figuras que contribúen á nosa terra e cultura desde diferentes facetas, como é o caso da galardoada deste ano, unha muller pioneira e unha figura de referencia, que segue inspirando aos novos xornalistas e aos novos talentos que comezan no mundo da escritura”.

Nese senso, Rodríguez subliñou que o seu talento non se pode desligar da historia de Mondoñedo, unha vila que ten destacado “por ver medrar a algúns dos principais nomes da cultura galega, como Álvaro Cunqueiro, Pascual Veiga (que dá nome a este auditorio), Leiras Pulpeiro ou a propia Mayoral”.

A presidenta da APG, María Méndez, pola súa banda, agradeceu a Marina Mayoral, en nome dos xornalistas, que aceptara “esta pequena pero sentida homenaxe”. “E un recoñecemento á túa prosa tinguida -sempre que podes- da cor feminina e das inquedanzas das mulleres, das que eres referente literario”.

“Quixemos enmarcar a concesión desta galardón, que trata de afondar ano tras ano nunha chamada á necesidade da liberdade de expresión, nesa liberdade que xusto destila desde sempre a túa escritura”. “Nese facer é onde queremos e perseguimos que se mova a actividade xornalística. E desde a Asociación de Periodistas de Galicia é onde aspiramos pór o marco do noso quefacer”, concluíu Méndez.

Laudatio de Armando Requeixo

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971), crítico literario e investigador, profesor na Universidade de Santiago de Compostela e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia, foi o encargado de ler a laudatio da premiada. Dela destacou que “é unha das voces literarias máis senlleiras da escrita galega e española das últimas décadas, autora de novelas e libros de relatos recoñecidos como obras referenciais da escrita do noso tempo”. “Os seus textos”, dixo, “teñen sido distinguidos con numerosos premios e, moitos deles, figuran traducidos a diferentes linguas de gran presenza peninsular e internacional”.

Requeixo lembrou que o galardón entregado hoxe se suma a outros recibidos por Marina Mayoral, “tamén ben prestixiosos, como o Losada Diéguez, o Fernández Latorre ou a Medalla Castelao, distincións todas, que poñen de relevo a extraordinaria altura que como creadora e intelectual ten acadado esta mindoniense”.

Agradecemento “da nena que quería ser xornalista”

Na súa intervención, Mayoral asegurou que este premio, que revela a súa inequívoca vocación polo xornalismo, “é unha ledicia e un estímulo”, dixo, “nesta última etapa da miña vida”. “Cando me deron a noticia de que me concedían o premio de xornalismo Jose Luís Alvite, tiven a impresión de que o tempo se rebobinaba a toda velocidade, ata chegar á imaxe dunha nena de doce anos que dicía con gran seguridade: eu quero ser xornalista”. “Xa daquela”, sinalou, “escribía poemas, contos e prosas variadas, que se parecían bastante ao que escribo na actualidade en La Voz de Galicia”.

Na súa memoria, lembra que desde moi nova os xornais estiveron presentes na súa vida, e subliña que garda moi bos recordos da súa relación con eles. “Pero eu sentía que non me consideraban xornalista”, indicou. “Eu fun sempre a escritora, a novelista ou a profesora de universidade… mesmo cando chegaron os premios relacionados coas miñas colaboracións en xornais: a Medalla Castelao ou o Voz de Liberdade do Pen Club de Galicia”.

Non obstante, o Premio José Luis Alvite supón para a autora mindoniense unha percepción nova e diferente. “Agora é distinto”, sinalou, “son xornalistas os que me elixen como a unha deles. O círculo pechouse. A nena que quería ser xornalista séntese agradecida e satisfeita”.

Manter viva a memoria do xenial José Luis Alvite

O Premio José Luis Alvite foi instituido pola APG en 2016 para recoñecer o labor de profesionais destacados no mundo da comunicación, así como manter viva a memoria do extraordinario creador compostelán, que dá nome ao galardón. Exento de dotación económica, a súa concesión conleva a entrega dunha estatuiña conmemorativa, que distingue a traxectoria de profesionais que xeran opinión a través da prensa escrita ou dixital.

Nas anteriores edicións, o Premio José Luis Alvite foi concedido a Xosé Luis Barreiro Rivas (2016), a Ánxel Vence Lois (2017), a José de Cora Paradela (2018), a Carlos Luís Rodríguez (2019) e a Siro López (2020).

Mayoral proclama con nostalxia a súa vocación xornalística