sábado. 07.12.2024

TxStockData é unha startup galega do sector financeiro que utiliza as novas tecnoloxías para innovar. A súa plataforma tecnolóxica Senseitrade, especializada en detectar tendencias en bolsa a partir de información obtida de redes sociais e internet, xa leva tres anos con éxito no mercado e continúan mellorándoa. Ata agora a plataforma obtiña información de Twitter pero a compañía integrou Reddit para detectar tendencias no foro que poden impactar na cotización en bolsa. A empresa conta con dúas sedes: ten as súas oficinas técnicas no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, en San Cibrao das Viñas -Ourense- e a súa unidade de negocio na cidade de Pontevedra.

Senseitrade é unha aplicación para smartphones que busca achegar o investimento en bolsa a calquera persoa interesada. É unha ferramenta sinxela e fácil de usar, pensada especialmente para os que queiran empezar a investir. Notifica aos seus usuarios sobre os cambios relevantes no mercado e axúdalles a tomar as decisións de investimento correctas porque, na actualidade e cada vez máis, o xornal dos investidores son internet e as redes sociais.

SENSEITRADE, INTELIXENCIA ARTIFICIAL

A plataforma desenvolta en Galicia está especializada na análise de sentimento de mercado e tendencias en bolsa a partir de datos extraídos das redes sociais e internet. O equipo liderado por David Conde deseñou unha tecnoloxía baseada na intelixencia artificial que emprega algoritmos de procesamento de linguaxe natural para identificar emocións en textos e mensaxes e usa modelos de machine learning para interpretar as complexas relacións que existen entre os mercados e estas fontes de información alternativa. A plataforma -segundo explican os seus promotores- “consegue transformar toda esa información nunha serie de indicadores de sentimento de mercado que dan ao usuario acceso a unha fonte de información facilmente comprensible, única e cada vez máis relevante”.

Esta información ofrécea a Fondos de Investimento ou Hedge funds para complementar as súas análises na web Sensei Analytics ou aos investidores minoristas en Senseizero, unha aplicación cun modelo de comisións a éxito e que nos vindeiros días lanzarán en colaboración con ABANCA.

SENSEITRADE INCLÚE O FORO REDDIT

Ata o momento a empresa recorría a Twitter como fonte principal para detectar información relevante. Agora, tralo ocorrido con GameStop nos Estados Unidos, decidiu incluír tamén o foro Reddit como outra fonte máis de información que analizará a plataforma para detectar alertas e tendencias que poden impactar nos mercados bolsistas.

Tal como explica David Conde, “entre as distintas redes sociais, Reddit converteuse nun dos principais foros e proba diso é que se trata do sexto sitio máis visitado do mundo e conta con 542 millóns de usuarios mensuais. Falamos dunha plataforma social na que os usuarios envían publicacións que outros usuarios poden votar -a favor ou en contra segundo as súas preferencias-. Se unha publicación recibe moitos votos, sobe na clasificación de Reddit e, por conseguinte, máis xente pode vela”.

A Bolsa estadounidense tentaba o pasado venres recuperar a cordura tras unhas xornadas de infarto nas que millóns de investidores minoristas, reunidos nun sub-foro de Reddit denominado WallStreetBets (Apostas de Wall Street) e que se fan chamar “dexenerados”, empuxaron á alza as accións de GameStop, unha acción na que grandes fondos de investimento estaban a apostar á baixa (gañan se o prezo da acción diminúe). As compras masivas provocaron un repunte superior ao 1.600 % en 2021 pero sobre todo implicaron que grandes fondos como Melvin Capital e Citron Research acumulen perdas millonarias polas súas apostas á baixa.

A empresa galega TxStockData mellora a súa plataforma para investir en bolsa