sábado. 27.04.2024

A Xunta anima aos veciños da parroquia de Santa Comba, no concello ourensán de Bande, a apostar pola implementación dunha aldea modelo no lugar do Pazo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, mantivo un encontro con parte dos 138 propietarios que estarían implicados na aldea modelo solicitada polo consistorio, que abranguería unhas 59,19 hectáreas distribuídas nunhas 803 parcelas.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, contornas de núcleos de poboación. Así, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte aos lumes.

Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha desta aldea modelo do Pazo, en Bande. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70% do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase á roza e limpeza da contorna da parroquia para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade ou actividades económicas que se consideren máis axeitadas para a zona co obxectivo de recuperar e dinamizar o territorio.

A aldea modelo do Pazo, en Bande