sábado. 09.11.2024

Galicia pechou 2021 con máis de 178.900 Compostelas seladas no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, o que confirma a reactivación do Camiño de Santiago superando tódalas expectativas. De feito, a previsión para este ano era chegar ás 140.000 credenciais, unha cifra que xa se acadou o pasado setembro e que se superou con case 40.000 máis no último trimestre. Ademais, hai que ter en conta que son máis os peregrinos que fan o Camiño sen selar a Compostela, polo que a cifra final podería incrementarse ata nun 30%.

Tras o espectáculo videomusical conducido onte polo gaiteiro Carlos Núñez na Praza da Quintana para dar a benvida á segunda parte deste Xacobeo 21-22, a Porta Santa continuará aberta outros 365 días máis nos que a Xunta invita aos peregrinos a camiñar a Galicia.

O ritmo de peregrinos nos últimos meses confirmou a boa saúde do Camiño con preto de 180.000 que chegaron a Santiago o ano pasado e obtiveron a súa Compostela. Esta cifra acadouse desde abril xa que no primeiro trimestre do ano, debido ás restricións sanitarias, os datos son testemuñais. De media, rexistráronse case 500 peregrinos ao día, se ben en agosto contabilizáronse xornadas con máis de un milleiro. O mes de agosto foi precisamente o máis transitado no Camiño en 2021, con máis de 43.500 peregrinos.

A maior parte dos peregrinos que completaron o Camiño neste ano son de orixe nacional, case o 70%, por mor situación sanitaria. Nos últimos meses do pasado ano comezouse a notar o incremento da presenza de peregrinos doutros países, que se prevé que continúe a despuntar este 2022, na segunda parte deste Ano Santo Dobre, coa reactivación da peregrinación internacional. Así, ademais de Portugal, de onde proceden máis do 5% peregrinos rexistrados en 2021, entre as nacionalidades máis frecuentes destacan tamén Italia con máis dun 4% e Alemaña e Estados Unidos por riba do 3%.

En canto ao balance por rutas, o Camiño Francés pecha o ano como a máis transitada, ao ser escollida polo 55% dos peregrinos, isto é, máis de 98.200. En segundo lugar sitúanse o Camiño Portugués e a súa variante pola Costa, que concentrou case a cuarta parte do total con arredor de 42.000 camiñantes. O ránking dos itinerarios máis escollidos polas persoas que o ano pasado camiñaron a Galicia no marco da celebración deste Ano Santo complétase cos case 11.000 peregrinos que se decantaron polo Camiño Inglés, os máis de 10.100 que optaron polo Camiño Primitivo e os máis de 9.600 que fixeron o Camiño do Norte. As tres rutas representan arredor do 6% en cada caso.

O Camiño de Santiago e o Xacobeo convertéronse en elementos fundamentais para que Galicia se situase entre os territorios con mellor comportamento a nivel nacional. Con 3,5 millóns de viaxeiros e case 8 millóns de noites -segundo os últimos datos dispoñibles dos establecementos hoteleiros ata novembro e extrahoteleiros ata outubro-, a comunidade galega situouse 22 puntos por riba da media nacional en canto á recuperación da demanda turística prepandemia.

O traballo da Xunta nos meses máis duros da pandemia para reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro cun Camiño seguro materializouse nunha realidade grazas tamén a iniciativas pioneiras para recuperar a confianza dos viaxeiros, como o seguro coronavirus ou a promoción da comunidade coa campaña Camiña a Galicia. Estas medidas contribuíron a que a comunidade galega estivese de moda en 2021. Tamén o Xacobeo está a ser o motor económico da recuperación turística en Galicia e con repercusión nas demais comunidades que atravesan as rutas xacobeas.

Neste 2022, o Goberno galego continuará a levar a cabo as medidas necesarias para ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos. O investimento da Xunta no segundo ano do Xacobeo será de 85,8 millóns de euros, que sumados á contía de 2021 fan un total de 171,3 millóns.

A Xunta xa traballa na posta en marcha dun novo Plan Director dos Camiños 2022-2027 e levará a cabo as actuacións de mantemento e embelecemento necesarias nas rutas xacobeas, xunto coa ampliación da rede pública de albergues co obxectivo de contar neste Ano Santo con 78 albergues, ademais de acondicionar as infraestruturas xa existentes. En 2021 entraron en funcionamento os albergues de Vigo, A Gudiña e Sobrado dos Monxes e destináronse 2,4 millóns a melloras en 28 establecementos. Para 2022 está prevista a posta en marcha dos albergues de Oseira, Vilasantar e O Saviñao, así como a construción dos de Piñor, Riós e Ferrol, e o da Coruña sempre que o concello ceda a parcela e conceda os permisos.

180.000 Compostelas