jueves. 28.03.2024

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario, este xoves, 10 de febreiro, cun conxunto de actos que se prolongan até este sábado día 12.

O acto oficial conmemorativo desenvolverase este xoves, ás 13.30 hora española, na antiga Alfándega de Valença. No mesmo estarán presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira; o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o director da  AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, Nuno Almeida,  e o presidente da CCDR-Norte e presidente da Comunidade de Traballo Galicia -Norte de Portugal, António Cunha.

No transcurso deste acto terá lugar a sinatura do protocolo de cooperación entre a Eurocidade Tui-Valença e a AECT Galicia - Norte de Portugal que da amparo institucional á Eurocidade.

Xa pola tarde, ás 16.30 h no auditorio da ESCE Valença, celebraranse unha serie de conferencias e mesas redondas co título “10 Anos da Eurocidade Tui-Valença: balance e novos desafíos”. A intervención de apertura correrá a cargo de Jesús Gamallo, director de Relacións Exteriores e con UE, Xunta de Galiza. A continuación terán lugar os relatorios “Eurocidades, o Papel na Cohesión Territorial”; “A Cooperación Transfronteiriza e as oportunidades para Galicia e o Norte de Portugal”; e “Dinámicas Empresariais en contexto Covid19 e Estatuto do Traballador Transfronteirizo”.

O venres realizaranse dúas  visitas guiadas gratuítas á Eurocidade. Ás 15.30 hora española saíra da Loja de Turismo de Valença un percorrido polo centro histórico valenciano, e unha hora despois, ás 16.30 hora española partirá da Oficina de Turismo de Tui, no Paseo da Corredoira, un percorrido polo conxunto histórico de tudense. En ambos casos é preciso reserva previa no teléfono  00 34 617 49 81 03 ou no correo [email protected] (Tui) e no 00 351 251 80 60 80 e en [email protected] (Valença).

Os actos conmemorativos do 10º aniversario da Eurocidade Tui-Valença pecharanse o sábado, 12 de febreiro, ás 20 hora española no Teatro Municipal de Tui co concerto que ofrecerán  a Orquestra do Conservatorio de Tui e da Academia de Música da Fortaleza de Valença. A entrada é gratuíta, sendo preciso reservar previamente a entrada en www.tui.gal

10 anos de eurocidade