viernes. 26.04.2024

A Xunta adxudícalles os primeiros 630.000 € do novo fondo Territorio Cultura a 15 proxectos para dinamización cultural do rural en 40 municipios

Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha o programa Territorio Cultura, a través da súa propia convocatoria de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

 A Xunta de Galicia acaba de adxudicar preto de 630.000 euros a 15 proxectos de dinamización cultural no rural galego como resultado da primeira convocatoria do programa Territorio Cultura. O obxectivo deste fondo é ampliar e diversificar o tecido cultural en concellos de ata 30.000 habitantes e cunha densidade máxima de 100 habitantes por km2, para o que se prevé a súa continuidade cunha segunda quenda de subvencións co mesmo investimento.

Segundo a resolución de concesión publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, desta volta apóiase unha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en cinema, música, artes escénicas, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos, que se levan a cabo en diferentes núcleos rurais de 40 municipios.

INICIATIVA PÚBLICA E PRIVADA

Trátase tanto de propostas de iniciativa privada como promovidas polos propios concellos e subvencionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con diferentes contías que van desde os 20.000 aos 50.000 euros.

A través da primeira destas categorías apóianse oito proxectos: a programación expandida do Festival dos Eidos, organizada pola Fundación Uxío Novoneyra en Folgoso do Courel, con recitais poéticos, exposicións, rutas culturais, obradoiros, estreas audiovisuais e unha residencia literaria; as accións formativas e eventos de Audacia Cultural en Abadín e Mondoñedo para favorecer a innovación profesional, a creatividade e o emprendemento neste sector; a rede 5x5 de aulas de teatro en cinco dos municipios do Camiño de Santiago (Allariz, Boqueixón, Lalín, Mazaricos e Silleda); o programa de residencias, formación e ciclos culturais no espazo de creación A Casa Vella, en Amiadoso (Allariz); o proxecto de produción en arte contemporánea Vilaseco na aldea, cos obradoiros, encontros e residencias que a galería Vilaseco desenvolve na aldea chantadina de San Cristovo de Mouricios; Aldearmos, proxecto cooperativo no que participan 15 entidades das provincias de Lugo e Ourense que integran a Rede Aldear para xerar sinerxías entre os axentes socioculturais do interior galego; a proposta A ollada de Gustav, da compañía escénica aAntena, cunha vintena de actividades en 14 concellos do Camiño para poñer en valor o acervo cultural local a partir do traballo do antropólogo danés Gustav Henningsen en Galicia, e o ciclo Ourizofest de seis concertos de cámara e outras accións paralelas en Castroverde, Friol, Guntín, Palas de Rei, Samos e Portomarín.

En canto á modalidade destinada ás entidades locais, os beneficiarios son os concellos da Estrada para o seu proxecto de descentralización cultural na contorna rural; Vimianzo para o programa Costa da vida, que busca a implicación da veciñanza e de diferentes asociacións do municipio na dinamización sociocultural; Vedra para dotar dunha nova identidade cultural e visual o espazo da estación e contribuír, deste xeito, a revitalizar toda a zona; Chantada para as actividades do Verán cultural; Portomarín para conxugar danza e literatura en Portomariñeando: tecer libros e bailar; Frades para a posta en marcha do Centro de Cultura Tradicional, e Monforte de Lemos para a organización dos seus circuítos de artesanía e música galega.

Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha o programa Territorio Cultura, a través da súa propia convocatoria de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Así, os 15 proxectos subvencionados responden a esta finalidade, no sentido de reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír, xa que logo, a incrementar a actividade cultural nas zonas rurais, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social.

A Xunta adxudícalles os primeiros 630.000 € do novo fondo Territorio Cultura a 15...
Comentarios