miércoles. 26.11.2025

Os Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta de Galicia, a través da Agencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, quentan motores para a súa gala de entrega este xoves, 27 de novembro, en Santiago de Compostela. O evento celebrarase na Sala Capitol a partir das 19.30 horas. Así o anunciou esta mañá a Xunta Directiva de AGEM, que realizou unha visita á montaxe da gala xunto ao director da Agadic, Jacobo Sutil.

Como novidade, AGEM comunicou que a pontevedresa Tamara García Romero será a presentadora encargada de conducir unha noite na que se desvelarán os gañadores e gañadoras das diferentes categorías, ademais de facer entrega dos galardóns correspondentes. A música continuará ao remate da gala coa sesión a cargo de Señora DJ, encargada de pechar a velada.


SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA

Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man de AGEM, entidade que defende os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á xestión cultural e aos espectáculos de música ao vivo. A iniciativa pretende visibilizar e poñer en valor traxectorias, proxectos e iniciativas do ecosistema musical galego que destaquen polo seu compromiso coa creatividade, innovación, respecto e sustentabilidade, converténdose en modelos a seguir dentro do sector profesional.

A presidenta de AGEM, Patricia Hermida, salientou que “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun motor cultural e humano para Galicia”.

Deste xeito, estes premios —promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través de Agadic, e da Deputación da Coruña— queren fortalecer a industria musical galega como motor cultural, social e económico. A súa creación enmárcase no Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM e a Xunta.

Un xurado independente, formado por profesionais da comunicación, divulgación musical, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural, foi o encargado de propor as candidaturas e seleccionar as finalistas, así como de outorgar os premios nas 14 categorías profesionais, que se farán públicas na gala deste xoves. A súa misión é destacar persoas, empresas e proxectos que contribúan ao avance colectivo do sector e representen boas prácticas na industria musical galega.

Os premios inclúen 17 categorías:
14 decididas polo xurado profesional (deseño de iluminación, implementación de son, provedores de servizos, produción, management, produción discográfica, posta en escena, programación, comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade).
2 recoñecementos outorgados directamente pola Xunta Directiva de AGEM: artista do ano (Carlos Ares) e persoa do ano (Francisco Gómez ‘Gandy’).
1 premio por votación popular: excelencia na experiencia do público, que nesta edición recaeu en Surfing The Lérez.

A relación completa de iniciativas e profesionais finalistas nas categorías xerais inclúese no documento oficial difundido por AGEM, con representación ampla de proxectos, festivais, espazos musicais e artistas de referencia de todo o territorio galego.

A noite deste 27 de novembro, a Sala Capitol acollerá un encontro sectorial que pretende ser próximo e integrador, promovendo a cooperación e o intercambio entre os diferentes axentes da industria musical galega.

Os Premios da Industria Musical de Galicia entran na recta final coa gala deste xoves...
Comentarios