O estudantado de 4º de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela prepara unha nova edición do Facom Fest, que terá lugar do 24 ao 27 de novembro, recuperando así un encontro que pon o foco nas obras audiovisuais creadas en contextos educativos. O festival ofrecerá coloquios, conferencias e diversas propostas culturais, cuxos detalles se darán a coñecer ao longo das próximas semanas. Con todo, xa están en marcha as primeiras iniciativas abertas ao público: tres concursos orientados a promover a creatividade, o entretemento e a experimentación narrativa.
Torneo Mario Kart Wii
A importancia dos videoxogos como parte da cultura popular e do lecer contemporáneo está tamén presente nesta edición do Facom Fest. O festival recupera un clásico que marcará a memoria de moitas persoas: un torneo por parellas de Mario Kart Wii, que culminará nun Gran Premio entre os dous equipos finalistas. O equipo gañador recibirá un premio sorpresa.
A inscrición permanecerá aberta do 6 ao 19 de novembro de 2025, e o torneo celebrarase o xoves 20 de novembro ás 18:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación. A actividade está aberta tamén ao público xeral como espectador, ata completar aforo.
Concurso “7 Segundos”
O festival acollerá tamén un concurso de curtametraxes de 7 segundos, organizado polo Club de Cine Facom, que exercerá como xurado da convocatoria. A proposta busca estimular a inventiva e o talento visual da comunidade universitaria, convidando a crear historias ultrabreves nas que a limitación temporal se converta en motor creativo.
O tema desta edición será “fóra de campo”, e a inscrición poderá realizarse a través do formulario dispoñible na web do festival ata o martes 21 de novembro.
Concurso de Escritura Creativa
En colaboración co Club de Lectura da Facom, o Facom Fest lanza tamén un concurso de relatos breves en prosa baixo a temática “conflito”. As bases explican que se buscan “relatos onde a sorpresa, o contraste e a confrontación se convertan no eixe narrativo”.
O envío das propostas deberá realizarse igualmente mediante o formulario da web do festival, e estará aberto ata o martes 21 de novembro.
