viernes. 19.04.2024

A Xunta de Galicia investirá este ano preto de 900.000 euros nas 17 iniciativas de fomento cultural que conforman o Plan de Convenios da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2022. De xeito complementario ao seu programa anual de subvencións ao audiovisual, ás artes escénicas e á música, esta vía de apoio materializa a implicación do Goberno autonómico no desenvolvemento de feiras, festivais, convocatorias de premios, ciclos e actividades formativas organizadas por algunhas das principais fundacións, federacións e asociacións destes tres ámbitos culturais.

Así, as artes escénicas galegas son as receptoras de máis de 300.000 euros mediante oito colaboracións coas seguintes entidades: a Asociación de Actores e Actrices de Galicia para a organización dos XXV Premios de Teatro María Casares; a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega para o mercado Galicia Escena PRO e para a realización de actividades formativas e de dinamización; o Concello de Ribadavia para a súa Mostra Internacional de Teatro; a agrupación Camiño Escena Norte para o desenvolvemento en Galicia do programa homónimo; o Colectivo RPM para as Residencias Paraíso; a Federación XOC de música e baile tradicionais para o ciclo Danza 3 Xacobeo 21-22 e a Asociación trasPediante Cultura para o Festival de Danza e Artes do Movemento Corpo(a)terra.

DINAMIZACIÓN MUSICAL

Tamén superan os 300.000 euros as catro iniciativas musicais inseridas neste plan de convenios mediante o acordo coa Asociación Músicas ao Vivo para a sétima edición dos Premios Martín Códax da Música, a Asociación Amigos de la Ópera da Coruña para a promoción da música operística dentro da programación cultural do Xacobeo 21-22, a Federación Galega de Bandas de Música Populares para os seus certames e concertos e a Asociación Paideia Galiza para a dinamización da musica emerxente.

O audiovisual achega outros catro convenios ao plan, que suman 205.000 euros. A través deles, articúlanse as colaboracións coa Academia Galega do Audiovisual para os XIX Premios Mestre Mateo; coa Fundación Carlos Velo para a 26ª edición do Ourense Film Festival; coa Federación de Cineclubs de Galicia para os seus ciclos e semanas cinematográficas e cos cineclubs de Pontevedra, Padre Feijoo de Ourense, Lumière de Vigo e Valle-Inclán de Lugo para a extensión a estas cidades da programación da Filmoteca de Galicia.

A estes tres ámbitos específicos hai que engadirlle o impulso da Xunta á promoción do conxunto das industrias culturais galegas a través do seu apoio económico á feira Culturgal como principal entidade colaboradora co evento que ten lugar cada outono en Pontevedra.

De acordo cos obxectivos públicos de transparencia, a Axencia Galega das Industrias Culturais dará conta a través da súa publicación no DOG dos convenios subscritos cada cuadrimestre ao abeiro deste plan.

Plan de convenios de industrias culturais